Cerealia
| Cerealia | |||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||||
| |||||||||
| |||||||||
| Wikidata | |||||||||
Cerealia (en latín: Cerialia ou Cerealia) era un festival de sete días que se celebraba na antiga Roma na honra de Ceres. Unhas mulleres vestidas de branco que desfilaban con fachos acesos representaban o lamento da deusa pola perda da súa filla Proserpina[1].
Parece que a festividade do culto a Deméter se introduciu en Roma no ano -493 polos gardiáns dos Libros Sibilinos, que a asimilaron á deusa romana Ceres e construíronlle un templo (Aedes Cereris, Casa de Ceres) preto do Circo Máximo. O ritual do festival era completamente grego, as sacerdotisas eran gregas e as oracións eran en lingua grega, segundo Cicerón. Este culto ía acompañado polos Ludi Ceriales ou "Xogos de Ceres", baixo a dirección dos edís plebeos, e era un festival propio do pobo, pero os patricios estaban convidados a asistiren, segundo Aulo Xelio. Ao principio, os Xogos só se celebraban de forma extraordinaria, segundo Tito Livio, pero máis tarde empezaron a celebrarse anualmente, normalmente do 12 ao 19 de abril, e o último día chamábase propiamente Cerialia. Este festival conmemoraba o regreso de Proserpina á terra, e por iso todos os asistentes vestían de branco. Non se permitía ningún sacrificio cruento, agás o sacrificio dunha porca, e as ofrendas consistían en bolos, mel e incenso. O día das Cerialia, por todo o país se celebraban procesións no campo, e en Roma celebrábase unha procesión no circo. A data exacta da celebración do festival é incerta: podería comezar o 12 de abril e rematar o 19 de abril (ou podería comezar nos idos de abril, é dicir, o 13 de abril ou mesmo o 7 de abril).
Tito Livio di que se celebraba un segundo festival no mes de agosto, e era unha festa de acción de grazas, pero só asistían mulleres vestidas de branco e portaban ofrendas de froita. Preparábanse para a festa con nove días de xaxún e separadas dos seus maridos[2].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Segundo Ovidio na súa obra Fasti IV, 414.
- ↑ Smith, William (ed.). "Cerialia". A Dictionary of Greek and Roman Antiquities (1890). Consultado o 20-XI-2020.