Carmentais
| Carmentais | |||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||
| |||||||
| |||||||
| |||||||
| |||||||
| Wikidata | |||||||
Carmentalia era o nome que se lle daba a dous días do calendario romano (11 e 15 de xaneiro) dedicados ao recoñecemento do oráculo de Carmenta ou Carmentis, venerada principalmente polas mulleres embarazadas.
Orixe
[editar | editar a fonte]Segundo conta Plutarco, había unha vez unha cova nunha ladeira do Capitolio desde a que unha feiticeira chamada Carmenta predixo o futuro. Despois da súa morte foi deificada, sendo considerada unha ninfa, e o lugar converteuse nun santuario (sacellum). O rei Tito Tacio ordenou que se dedicasen dous días á súa memoria[1]. Unha porta na muralla preto do santuario levaba o seu nome, Porta Carmentalis.
Rituais
[editar | editar a fonte]O feito da existencia dun sacerdote específico para este culto, o flamen Carmentalis, é un indicador da antigüidade desta celebración. Carmenta era invocada especialmente polas mulleres embarazadas cos epítetos de Postvorta e Antevorta, pola súa capacidade de ver o pasado e o futuro[2][3] . Plutarco dá varias explicacións para a veneración que Carmenta espertaba nas mulleres. Unha delas é que era unha Moira e, como todas elas, podía controlar o destino dos humanos, pero tamén tiña poderes sobre a procreación, polo que a invocaban as mulleres que desexaban un destino favorábel para o fillo que levaban dentro[4]. Outra explicación é que Carmenta era o segundo nome de Nicóstrata, a nai do mítico Evandre, que recibiu este alcume por expresar as súas profecías en verso, xa que en latín as composicións poéticas con intención chámanse carmina[4]. Plutarco, porén, escoitara outra explicación que lle parecía a máis plausíbel: Carmenta significaría "privada de razón" porque cando facía as predicións perdía a súa propia vontade e razoamento, permitindo que os deuses posuísen o seu corpo e falasen a través dela. Segundo esta explicación, o seu nome deriva do verbo carere carecer de e do termo mentem entendemento, sentido[5] .

Por que dous días?
[editar | editar a fonte]O poeta Ovidio tamén escribiu sobre a institución desta festividade e explica que a celebración tiña lugar en dúas datas do calendario que simbolizan as dúas rodas dos carros (a etimoloxía popular relacionaba Carmentalia con carpenta, un carro de dúas rodas). Tamén di que foron as esposas dos senadores as que lles solicitaron a dualidade: un día para solicitar ter unha filla e outro para solicitar ter un fillo[6]. Outros comentaron que os dous días eran para se o feto estaba colocado no ventre da nai coa cabeza por diante ou cos pés[7].
O certo é que non se sabe con exactitude por que esta celebración estaba repartida en dous días cun intervalo de tres días. Sexa cal for o motivo que causou esta anomalía, na época do emperador Augusto o significado xa se perdera para os propios romanos. Howard Hayes Scullard especulou que estas eran orixinalmente dúas celebracións separadas orixinarias de dúas comunidades diferentes, que posteriormente acabaron por se fusionaren[8]. A data do 11 de xaneiro era probabelmente a conmemoración da morte da nai de Evandre[9], quen, segundo Dionisio de Halicarnaso, foi enterrada fóra da muralla xunto a unha porta que levaba o seu nome[10]. A data do 15 de xaneiro parece derivar do calendario chamado Fasti Praenesti e pode que fose importada desa cidade[11]. Pero segundo Ovidio, o día 15 estaría relacionado coa conmemoración da construción dun segundo santuario a petición das matronas romanas[12]. Parece ser que o Senado ditou unha orde (senadoconsulto) que prohibía a circulación de vehículos con máis de dúas rodas na cidade, pero as mulleres protestaron, argumentando que con menos de catro rodas un vehículo era inestábel e podía provocar un aborto espontáneo nunha muller embarazada. Finalmente déronlles a razón e levantouse a prohibición[13]. O cónsul Marco Furio Camilo, conmovido pola perda dun fillo, prometeu, con Apolo como testemuña, construír un segundo santuario[14].
A situación da Carmentalia no mes de xaneiro ten sido relacionada co feito de que a maioría dos matrimonios libres tiñan lugar a finais de abril ou principios de xuño, e isto facía que xaneiro fose un dos meses nos que as nais máis temperás daban a luz[15].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Plutarco "Vidas paralelas: Rómulo", 21.1.
- ↑ Macrobio, "Saturnalia" 1.7.20.
- ↑ Georges Dumézil "La religion romaine archaique", ed. Payot,1987, p 396-398.
- 1 2 Plutarco "Vidas paralelas: Rómulo", 21.2.
- ↑ Plutarco "Vidas paralelas: Rómulo", 21.3.
- ↑ Ovidio "Fasti" I,631-636
- ↑ Aulo Xelio "Noctes Aticae" XVI,16.
- ↑ H.H. Scullard, "Festivals and Ceremonies of the Roman Republic", Londres, 1981, p. 62.
- ↑ Georg Wissowa, artigo «Carmenta», en "Real-encyclopädie der classischen Altertumswissenschaft",1884, volume I p. 852.
- ↑ Dionisio de Halicarnaso, "Rhōmaikē archaiologia" I,32.
- ↑ Georg Wissowa, p.853.
- ↑ Ovidio, "Fasti" I, 617.
- ↑ E. Aust, artigo «Carmenta», en "Real-encyclopädie der classischen Altertumswissenschaft", 1899, volume III p. 1595.
- ↑ J.G. Frazer, "Commentary on books I and II, in Publii Ovidii Nasonis Fastorum libri sextum", II, Londres, 1929, p. 236-237.
- ↑ H.H. Scullard, "Festivals and Ceremonies of the Roman Republic", Londres, 1981, p. 64.