Sociedade Deportiva Compostela
| SD Compostela | |||
|---|---|---|---|
| Nome | Sociedade Deportiva Compostela | ||
| Alcume(s) | Compos; Esedé; Picheleiros | ||
| Fundación | 1 de xullo de 1928 | ||
| Estadio | Estadio Municipal Verónica Boquete de San Lázaro | ||
| Inauguración | 24 de xuño de 1993 | ||
| Capacidade | 16.666 | ||
| Presidente | |||
| Adestrador | |||
| Liga | Segunda Federación - Grupo 1 | ||
| 2025/2026 | 2º | ||
| Vestimenta | Adidas | ||
| Na rede | |||
| http://www.sdcompostela.com/ | |||
| |||
A Sociedade Deportiva Compostela é un equipo de fútbol galego da cidade de Santiago de Compostela. Foi fundado o 1 de xullo de 1928 por Ramón Castromil Casal e compite na Segunda Federación.
É considerado un dos equipos históricos de Galicia por historia e tradición,[1] sendo o cuarto equipo do país en debutar na Primeira División, máxima categoría da Liga, tras o Celta, o Deportivo e o Pontevedra, e situándose como o terceiro mellor equipo galego na Clasificación histórica de Primeira, na que ocupa o posto 39º, tras vigueses e coruñeses, pese a disputala tan só catro tempadas, desde a 1994/95 até a 1997/98.
Nome do club
[editar | editar a fonte]Ao longo da súa historia, o Compostela viu como o nome do club variou por diversas circunstancias até a súa denominación actual de Sociedade Deportiva Compostela, nome histórico do club, vixente de novo desde 2011.
- Sociedade Recreativa Compostela (1962)
- Sociedade Deportiva Compostela (1962–1994)
- Sociedade Deportiva Compostela, S.A.D. (1994–2010)
- Sociedade Deportiva Campus Stellae (2010–2011)
- Sociedade Deportiva Compostela (2011–)
Historia
[editar | editar a fonte]Orixes e antecedentes (1928-1962)
[editar | editar a fonte]En 1928 varios estudantes de Santiago de Compostela decidiron fundar da man de Ramón Castromil Casal o Compostela Foot-ball Club, que militou na Serie B galega até o estalido da Guerra Civil, estando considerado daquela o mellor equipo da cidade. Xogaba os seus encontros no antigo campo da Choupana, sendo algúns dos xogadores máis destacados daquela época Pachuco, Jesús Porto Aldrey, os irmáns Pombo, o propio Ramón Castromil ou o futuro refundador da entidade, Elisardo García.
A comezos da década dos 40, Ramón Castromil volveu fundar o club con pouco éxito debido ás dificultades da posguerra, vendo entre outras cousas, como o antigo campo da Choupana desaparecera para construírse no seu lugar o Hospital Gil Casares. Nesa época, o decreto do Estado que impedía os estranxeirismos fixo mudar o nome do club a Compostela Club de Fútbol, sendo popularmente coñecido como Club Compostela. Finalmente, a importancia adquirida polo club anos atrás desaparece en 1946 cando se ve superado pola relevancia do Club Santiago, antigo Racing Club San Lorenzo, e remata por desaparecer en detrimento deste e do Club Arenal.
Nacemento da Sociedade Deportiva Compostela, crecemento e gloria
[editar | editar a fonte]

Coa desaparición do Club Santiago no ano 1962, e coa escasa relevancia do Club Arenal na cidade de Santiago, varios ex-socios do desaparecido Club Compostela decidiron fundar unha nova entidade nunha asemblea celebrada no Hostal dos Reis Católicos o 26 de xuño de 1962, comezando de novo nas divisións rexionais galegas, baixo o nome de Sociedade Recreativa Compostela. O 28 de outubro do mesmo ano, o Club Arenal fusionouse coa SR Compostela pasando o club a denominarse Sociedade Deportiva Compostela e pasando o Club Arenal a desempeñar as funcións de equipo filial. O primeiro adestrador do club foi o uruguaio Dagoberto Moll, co que o Compostela conseguiu o ascenso a Terceira división no seu primeiro ano de existencia, manténdose na categoría de bronce durante as seguintes sete tempadas.[2] Tras varios anos alternando a Serie A rexional e a Terceira división, logrou o ascenso á Segunda división B na tempada da creación da categoría, a 1977/78, con Carlos Torres no banco.[3]
Desde entón e durante os anos oitenta, a SD Compostela alternou a Segunda B coa Terceira até que a finais da década a historia do club mudaría para sempre coa chegada á presidencia do empresario santiagués do sector da electricidade José María Caneda en 1988, e a incorporación en 1989 do adestrador Fernando Castro Santos.[4] Na primeira tempada deste, a 1989/90, o equipo regresou á Segunda B, e ao ano seguinte, na tempada 1990/91, logrou ascender á Segunda división por primeira vez na súa historia logo de quedar terceiro na fase regular e de vencer no grupo de ascenso, superando no mesmo a Club Deportivo Alcoyano, CD Badajoz e Deportivo Alavés.
O equipo permaneceu na Segunda división durante tres tempadas: na primeira, a 1991/92, quedou sexto, na segunda, a 1992/93, duodécimo, e finalmente na terceira, a 1993/94, o Compostela foi terceiro e xogou a promoción de ascenso á Primeira división fronte ao Rayo Vallecano de Madrid. Tras remataren ambos encontros en empate (1-1 no Campo de Fútbol de Vallecas e 0-0 en San Lázaro),[5] disputouse un terceiro xogo de desempate nun campo neutral, o Estadio Carlos Tartiere de Oviedo, que rematou coa vitoria compostelá por 3 a 1, con goles de Ohen (2) e José, e que supuxo o ascenso da Esedé á Primeira división. O equipo titular dese partido estivo formado por Iru, Modesto II, Tocornal, Modesto I, Bellido, Bodelón, Abadía, Fabiano, Pichi Lucas, Ohen e Suso Moure. Tamén xogaron Víctor e José.[6]
A SD Compostela xogou na Primeira división catro tempadas consecutivas, de 1994 1998. E tras acadar na primeira delas, a 1994/95, a salvación na derradeira xornada na casa ao vencer por 2-0 ao CD Tenerife, púxose punto e final a sete anos de exitosa traxectoria de Fernando Castro Santos á fronte do equipo. Para a tempada 1995/96 o equipo contratou como adestrador a un por aquel entón descoñecido no fútbol profesional Fernando Vázquez, sendo precisamente ese ano cando o equipo asinou a súa mellor tempada da historia, chegando a ser subcampión de inverno só por detrás do Atlético de Madrid ao termo da primeira volta, para rematar a liga nunha digna décima posición. Destacou naquela tempada unha histórica vitoria por 4-0 no derbi fronte ao Deportivo de Toshack en San Lázaro, con goles de Fabiano (2), José Ramón e Ohen.[7] O equipo xogou en Primeira división dúas tempadas máis, a 1996/97 e a 1997/98, rematando nesta última no posto décimo sétimo e descendendo á Segunda división tras perder a promoción contra o Vilarreal CF polo valor dobre dos goles fóra de casa (0-0 no Estadio do Madrigal e 1-1 en San Lázaro).
Equipo da SD Compostela na campaña 1995/96, con Fernando Vázquez de adestrador:[8]
|
|
O presidente da entidade tomou o descenso como unha tempada de transición, e tentou recuperar a máxima categoría. Para isto non escatimou en gastos, mantendo boa parte da formación anterior e fichando outros xogadores de renome, como os internacionais Nando e Dmitri Radchenko. Porén, o equipo rematou oitavo na clasificación, e os problemas económicos comezaron a facerse patentes. Así as cousas, na seguinte campaña, a 1999/00, o equipo estivo a piques de descender, e finalmente na tempada 2000/01 descendeu á Segunda B tras rematar a liga no posto décimo noveno da clasificación.
Nesa categoría volveuse cometer o erro de manter a formación da campaña anterior cos mesmos salarios, e as débedas levaron consigo atrasos e complicacións nos pagamentos. Aínda así, o equipo terminou terceiro na campaña 2001/02, e superou na liguiña de ascenso a Mérida Unión Deportiva, Valencia CF Mestalla e FC Barcelona B, volvendo á Segunda división tan só un ano despois do seu descenso.

A campaña 2002/03 foi até agora a última na elite profesional. No seu regreso á Segunda división, o equipo, dirixido por Luis Ángel Duque, terminou noveno malia estaren os xogadores toda a tempada sen cobrar. O impagamento das débedas a xogadores agravouse cando un xuíz, a falta de 2 días para concluír o prazo de inscrición, determinou que o club debía avalar 13 millóns de euros para continuar na Liga de Fútbol Profesional. Ao non poder presentar dito aval, o equipo foi descendido administrativamente á Segunda B, ocupando o seu lugar na Segunda división o Club Deportivo Leganés.
O afundimento: I Parte
[editar | editar a fonte]Tras o descenso e a marcha da inmensa maioría dos xogadores que non percibiran as súas débedas, a formación compostelá afrontou a tempada con moi poucos efectivos e finalmente, tras unha pésima campaña na que os problemas económicos non desapareceron, a SD Compostela rematou a tempada 2003/2004 en penúltima posición do Grupo II de Segunda B consumando o seu descenso á Terceira división. Mais o impagamento das débedas contraídas con xogadores e empresas, estimadas en máis de mil millóns de pesetas, provocou ademais un novo descenso administrativo, desta vez á Preferente Autonómica galega, categoría á que o Compos volvía case trinta anos despois. Así as cousas, e co club ao bordo da desaparición,[9] nese mesmo ano 2004 o consello de administración aprobou iniciar o proceso de liquidación da entidade, pese á oposición dalgúns socios e do expresidente, José María Caneda. No verán de 2006 vendéronse mediante poxa todos os bens do equipo, incluídos os trofeos do club, a marca SD Compostela, os accesorios de lavandería, os coches do club, o material de oficina ou os sistemas de calefacción.[10] Nesa poxa o expresidente José Albarrán pagou 61.260 euros por todos os trofeos logrados polo equipo nos seus máis de 40 anos de historia para que estes non se perdesen.[11][12]
O rexurdimento: I Parte
[editar | editar a fonte]Ao mesmo tempo que se iniciaba o proceso de liquidación da sociedade anónima SD Compostela, creouse en 2004 en Santiago de Compostela outro club (SD Campus Stellae) que herdou a xestión e explotación dos dereitos deportivos do club compostelán baixo a fórmula de cesión ao mesmo tempo que asumiu a xestión dos equipos deportivos da sociedade anónima en liquidación. O expresidente José María Caneda adquiriu na poxa pública o nome SD Compostela, e posteriormente pasou a ocupar a presidencia da SD Campus Stellae. Esta operación permitiu refundar o equipo, xa que xuridicamente se trataba doutro club (SD Campus Stellae) que carecía de débedas e que xestionaba os equipos deportivos da entidade que estaba a ser liquidada, utilizando a marca deportiva SD Compostela.[13] Isto permitiulle competir en categorías nacionais con este nome, pese á oposición dos administradores concursais do equipo.[14]
Tras catro tempadas en Preferente Autonómica, desde 2004 a 2008, finalmente o club conseguiu o ascenso á Terceira división na tempada 2007/2008, e iniciou a tempada 2008/2009 co obxectivo de ascender á Segunda B, conseguíndoo ao final da campaña tras proclamarse campión e imporse na promoción de ascenso ao Atlético Monzón aragonés (3-0 e 2-1).[15]
O afundimento: II Parte
[editar | editar a fonte]A tempada 2009/10 non foi boa para a SD Compostela e de novo volveron repetirse os mesmos erros do pasado. Así, os impagamentos continuados, as ameazas de folga por parte dos xogadores, as débedas acumuladas e o mal inicio de liga, condenaron a SD Compostela ao descenso, que se fixo oficial a falta dunhas xornadas para o final da liga. A tempada foi moi mala pero tivo os seus bos momentos, como ser o primeiro equipo en puntuar en Ipurua, feudo da SD Eibar, tras ir perdendo 2-0, ou as vitorias a domicilio nos derbis xogados en Pasarón e na Malata ante o Pontevedra CF e o Racing de Ferrol.
Tras esa desastrosa tempada 2009/10, a tempada seguinte o Compos volveu á Preferente Autonómica, acumulando de novo ao descenso deportivo un descenso administrativo por impagamentos,[16] ao tempo que a Federación Galega de Fútbol instaba ao club a utilizar o nome de SD Campus Stellae e non o de SD Compostela que viña utilizando.[17] Ademais, ese mesmo ano producíase o arquivo definitivo do concurso da sociedade anónima deportiva.[18]
O rexurdimento: II Parte
[editar | editar a fonte]En febreiro de 2011, Antonio Quinteiro, un empresario de Lestedo que de mozo xogara nas categorías inferiores do club, comproulle o club a Caneda coa intención de sanealo e de levalo de novo a categoría profesional.[19] Así, unha directiva renovada, procedente da área empresarial e profesional e coñecedora do mundo futbolístico, fíxose cargo dun equipo que ía á deriva a comezos de 2011 tras adquirir todos os dereitos legais, facer fronte ás débedas acumuladas e lograr a recuperación do nome fundacional,[20] extremo confirmado pola FGF o 22 de xullo de 2011.[21] Desde entón a entidade volveu denominarse SD Compostela e tivo entre os seus retos inmediatos volver ás categorías de honra do fútbol español co apoio de toda a cidade e a comarca. Nesa primeira tempada do novo equipo directivo, a 2010/2011, o equipo logrou endereitar o rumbo na segunda volta, pero rematou a liga na oitava posición, lonxe dos postos de ascenso.
Na seguinte campaña, a primeira completa de Quinteiro á fronte da nave compostelanista, o equipo proclamouse campión da Preferente Autonómica de Galicia 2011/12 e ascendeu á Terceira división da man do adestrador Anxo Casalderrey, xusto no ano do seu 50 aniversario. Tamén ese mesmo ano foi inaugurada a sala cos trofeos da historia do club, chamada José Albarrán en homenaxe ao expresidente que os salvagardou mercándoos seis anos antes.[22][23][24] Tan só un ano máis tarde, e xa con Fredi Álvarez como adestrador, rematou a fase regular da Terceira ocupando o terceiro posto, o que lle outorgou o dereito a participar na fase de ascenso a Segunda B. O 30 de xuño de 2013 conseguiu o ansiado ascenso á categoría de bronce do fútbol español ao superar ao CD Cieza (2-0 e 0-2) na terceira eliminatoria do playoff, tras eliminar previamente ao CD Ebro (4-0 e 2-2) e á AD San Juan (3-0 e 1-1).
No seu regreso á Segunda B, o equipo dirixido por Fredi rematou a tempada 2013/14 en décimo terceira posición, logrando así a permanencia.
Para a nova tempada 2014/2015 o club contratou ao adestrador vasco Iñaki Alonso e fixo unha profunda renovación no equipo co obxectivo de loitar polo ascenso á Segunda división máis de dez anos despois. Tras unha tempada bastante regular o club consegue clasificarse para a Copa do Rei pero non para a fase de ascenso, ao rematar na sexta posición. O técnico vasco seguiu na tempada seguinte, ata que foi destituído en novembro debido aos malos resultados do equipo, que ocupaba a 19ª praza da táboa.[25] Manuel Estévez, adestrador dos xuvenís,[26] fíxose cargo do equipo ata a contratación en febreiro de Fredi Álvarez, que comezaba a súa segunda etapa á fronte do Compostela.[27][28] O novo adestrador non conseguiu que o equipo levantase o voo, consumándose un novo descenso á Terceira División.
Tras a dimisión de Fredi e do director deportivo, Pedro Quinteiro,[29] o Compostela iniciou unha nova etapa con Yago Iglesias como adestrador. e con 20 xogadores novos.[30] Despois dunha tempada de transición na que o equipo quedou en sétima posición, na tempada tempada 2017/18 e co ex capitán Manuel Castiñeiras como director deportivo deportivo,[31] conseguiron clasificarse para xogar a fase de ascenso, ao rematar como campións do seu grupo. Con todo, non conseguiron o ascenso nin ese ano nin o seguinte, no que tamén xogaron a fase de ascenso despois de rematar a liga en terceira posición.[32][33]
Na tempada 2019/20 o Compostela fixo de San Lázaro un fortín, logrando 13 vitorias consecutivas como local ata que perdeu contra a UD Ourense na xornada 27.[34] Despois deste partido a competición foi suspendida por mor da pandemia por coronavirus, e un mes despois a liga deuse por finalizada,[35] sendo proclamado campión o Compostela, que ocupaba a primeira posición da táboa.[36] Para determinar os ascensos creouse un sistema de eliminatorias máis reducido que o habitual, onde se enfrontarían entre eles os catro primeiros clasificados de cada grupo, ascendendo un equipo por grupo. No grupo galego os partidos xogáronse no Estadio de Balaídos, onde o Compostela eliminou en semifinais ao Barco por 3 a 1 con goles de Jimmy, Primo e Gabri Palmas.[37] Na final enfrontouse ao Ourense Club de Fútbol, que viña de eliminar ao Arousa. O Ourense adiantouse no minuto 12 cun gol de Adrián Castro e mantivo a vantaxe ata que no minuto 68 un penalti realizado sobre Brais Abelenda foi transformado por Pablo Antas. En caso de empate ascendía o Compostela por ser o campión do grupo, polo que co 1-1 final o club santiagués volveu á Segunda B catro anos despois.[38]
Xogadores
[editar | editar a fonte]Equipo da SD Compostela na tempada 2022/23, con Fabiano Soares de adestrador:[39]
|
|
| Máximos goleadores por tempada | ||||||
|---|---|---|---|---|---|---|
| Tempada | Xogador | P.Xogados | P.Titular | Minutos | Goles | Cos mesmos goles |
| 1991/92 | 35 | 31 | 2.839 | 7 | ||
| 1992/93 | ||||||