Sita na cima dun cono rochoso de orixe volcánica, é unha xoia arquitectónica. Accédese ao sitios por unha escaleira de 268 chanzos, mais a súa ascensión paga a pena. Foi erguida a inicios do século X polo bispo do Puy, Gotescalco, á volta da peregrinación a Santiago de Compostela (950-951), sobre o lugar que ocupaba un antigo templo romano adicado ao deus Mercurio. Foi inaugurada en 972.
A fachada executada cun mosaico de pedra negra, gris vermella e branca, posúe unha portada trilobada de influencia mozárabe.
Obras posteriores fixeron que a fachada date do século XIX na súa parte baixa e do século XII na parte alta, na cal se poden admirar figuras de san Xoán, da Virxe María, de Cristo, do arcanxo san Miguel e de san Pedro esculpidos en pedra baixo o portal trilobado.
No interior pódense admirar frescos do século X, restaurados en 2004, e tras dunha reixa un tesouro descuberto en ocasión dos traballos de restauración efectuados en 1955, e que comprende un cristo relicario de época carolinxia, un cofreciño de almafí, bizantino, do século XII e mais outro relicario do século XIII. As vidreiras foron substituídas cando esas obras.
A capela está arrodeada por un camiño de rolda que facilita unha linda vista da cidade de Le Puy coa súa catedral de Notre-Dame e da vella ponte que franquea o río Borne.