Sima Qian
| Biografía | |
|---|---|
| Nacemento | 145 a. C. (<135 a. C.) Hejin |
| Morte | 86 a. C. (>87 a. C.) República Popular da China |
| Actividade | |
| Campo de traballo | Historia da China |
| Ocupación | historiador, filósofo, matemático, astrólogo, poeta, escritor, astrónomo |
| Obra | |
Obras destacables
| |
| Familia | |
| Fillos | Sima Qian's daughter (Yang Bis wife), Sima Lin |
| Pai | Sima Tan |
| Descrito pola fonte | Wanxiaotang Huazhuan Rexistros do Grande Historiador Library of the World's Best Literature |
Sima Qian (chinés tradicional: 司馬遷; chinés simplificado: 司马迁; pinyin: Sīmǎ Qiān; Wade-Giles: Ssu1-ma3 Ch'ien1), nado no ano 145 a.C. en Longmen e finado en torno ao ano 86 a.C., foi un historiador, escritor e astrónomo chinés, o primeiro que tentou escribir a historia xeral da China dende os seus orixes míticos.[1] Todos os historiadores imperiais chineses inspiráronse na súa obra.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]
Sima Qian naceu en Xiayang en Zuopingyi (arredor da actual Hancheng, provincia de Shaanxi) e viviu no reinado do Emperador Wudi (141-87 a.C.), un dos máis grandes soberanos chineses. Probablemente naceu cara ao 145 a.C., aínda que algunhas fontes dan o seu nacemento ao redor do 135 a.C.[2] Arredor do 136 a.C., o seu pai, Sima Tan (司馬談 / 司马谈, Sīmǎ Tán), recibiu un nomeamento para o posto relativamente baixo de "grande historiador" (tàishǐ 太史, "Grande escriba" ou "grande astrólogo").[3][4] O deber principal do grande historiador era formular o calendario anual, identificar que días eran ritualmente propicios ou pouco propicios e presentalo ao emperador antes do día de aninovo.[4] Ademais destes deberes, o grande historiador tamén viaxaba co emperador para realizar importantes rituais e rexistrar os acontecementos diarios tanto na corte como no país.[5] A familia de Sima Qian instalouse en Maoling, nos arredores da capital Chang'an.
Segundo o seu relato, á idade de dez anos, Sima foi capaz de "ler os escritos antigos" e foi considerado un estudoso prometedor.[5] Sima creceu nun ambiente confucianista e sempre considerou a súa obra histórica como un acto de piedade filial confucianista cara ao seu pai.[5]
No 126 a.C., cara aos vinte anos, Sima Qian iniciou unha extensa xira pola China tal e como existía na dinastía Han.[4] Comezou a súa viaxe dende a capital imperial, Chang'an (preto da moderna Xi'an), despois dirixiuse cara ao sur atravesando o río Yangtzé ata o Reino de Changsha (moderna provincia de Hunan), onde visitou o xacemento do río Miluo onde tradicionalmente se dicía que o poeta da era dos Estados Guerreros Qu Yuan se afogou a si mesmo.[4] Despois foi buscar o lugar de enterramento dos lendarios gobernantes Yu no monte Kuaiji e Shun nas montañas Jiuyi.[4][6] Posteriormente dirixiuse cara ao norte cara a Huai'an para ver a tumba do xeneral da dinastía Han Han Xin, e continuou cara ao norte ata Qufu, a cidade natal de Confucio, onde estudou rituais e outros temas tradicionais.[4] Máis tarde, traballou para o goberno, efectuando, notabelmente, unha misión de inspección na rexión da actual cidade de Kunming (provincia de Yunnan), aínda acabada de ser conquistada polas forzas imperiais. As súas funcións permitíronlle efectuar novas viaxes polos catro ángulos do Imperio, salvo algunhas zonas consideradas de bárbaros entón, como a provincias de Fujian e de Guangdong. Sima casou novo e tivo dous fillos e unha filla.[7][8]
Despois das súas viaxes, Sima foi elixido oficial de palacio no goberno, con funcións de inspeccionar diferentes partes do país xunto co emperador Wu cara ao 122 a.C.[7] No 110 a.C., con 35 anos, foi enviado ao oeste nunha expedición militar contra algunhas tribos "bárbaras". Ese mesmo ano o seu pai caeu enfermo, aflixido por non ter sido convidado a asistir ao sacrificio imperial Feng, e, presentindo que se lle esgotaba o tempo, chamou ao seu fillo para que continuase a obra histórica que el comezara, inspirada nas Primaveras e outonos, a primeira crónica da historia da literatura chinesa.[9]
Parece que Sima Tan só puido reunir un bosquexo da obra antes de morrer. No posfacio do Shiji consérvase un breve ensaio sobre as seis escolas filosóficas que se lle atribúe explicitamente; fóra diso, só algúns fragmentos do Shiji se consideran escritos por Sima Tan ou baseados nas súas notas.[9] Animado pola inspiración do seu pai, Sima Qian dedicou boa parte da década seguinte a redactar e recompilar o Shiji, que rematou antes do 91 a.C., probablemente ao redor do 94 a.C.[9]
En -107, logo dun dó de tres anos, Sima Qian sucedeu ao seu defunto pai no posto de cronista, tendo ao mesmo tempo acceso aos arquivos reais. Puido así continuar a obra ambiciosa emprendida xa polo pai: un libro que relatase toda a historia da China.
Sima Qian comezou a escribir en -104. No 99 a.C., Sima involucrouse no asunto Li Ling, en que Li Ling e Li Guangli, dous oficiais militares que dirixiron unha campaña contra os Xiongnu no norte, foron derrotados e levados cativos. O emperador Wu atribuíu a derrota a Li Ling, e todos os funcionarios do goberno posteriormente condenárono por iso. Sima foi a única persoa que defendeu a Li Ling, que nunca fora o seu amigo mais a quen respectaba. O emperador Wu interpretou a defensa de Li por Sima como un ataque ao seu cuñado, Li Guangli, que tamén loitou contra os Xiongnu sen moito éxito e condenou a Sima á morte. Nese momento, a execución podía conmutarse por cartos ou por castración. Nesa época ser emasculado significaba a infamia e moitos chineses preferían morrer antes de vivir semellante deshonra. Dado que Sima non tiña cartos suficientes para expiar o seu "crime", escolleu este último e foi lanzado a prisión, onde aguantou tres anos. Describiu así a súa dor: "Cando ves o carcereiro tocas abxectamente o chan coa testa. Á simple vista dos seus subalternos apodérase de ti o terror ... Esa ignominia nunca pode borrarse". Sima cualificou a súa castración de "o peor de todos os castigos".[5]
No 96 a.C., ao saír da prisión, Sima optou por vivir como eunuco de palacio para completar as súas historias, no canto de suicidarse como se esperaba dun cabaleiro erudito que fora desgraciado por ser castrado.[7]
O propio Sima Qian explicou a súa decisión na Carta a Ren An:
Se incluso o escravo máis humilde e a criada máis baixa son quen de se suicidar, por que non habería de ser eu capaz de facer o que hai que facer? Pero a razón pola que non me neguei a soportar estes males e seguín vivindo, habitando na vileza e na deshonra sen marchar, é que me apena non ter expresado plenamente o que tiña no corazón, e avergónzame pensar que, unha vez desaparecido, os meus escritos non serán coñecidos pola posteridade. Innumerables son os homes da antigüidade que foron ricos e nobres e cuxos nomes, con todo, se desvaneceron. Só os homes maxistrais e seguros, os verdadeiramente extraordinarios, son aínda lembrados. [...] Recompilei e xuntei as vellas tradicións do mundo que estaban espalladas e perdidas. Examinei os feitos e os acontecementos do pasado e investiguei os principios que hai detrás dos seus éxitos e fracasos, das súas ascensións e decadencias [...] en cento trinta capítulos. Quixen examinar todo o que concirne ao ceo e ao home, penetrar os cambios do pasado e do presente e completalo todo como a obra dunha familia. Pero antes de rematar o meu borrador, caeume esta desgraza. Foi por lamentar que non estivese rematada que me sometín ao castigo extremo sen resentimento. Cando teña completado de verdade esta obra, depositareina na Montaña Famosa. Se pode chegar a homes que a aprecien e penetrar nas aldeas e nas grandes cidades, entón, aínda que sufra mil mutilacións, que arrepentimento habería de ter?Sima Qian, Carta a Ren An (96 a.C.; tradución inglesa de Burton Watson).[10]
A súa obra principal é o Shiji (史記 / 史记, Shǐjì), que comprende tamén numerosas biografías, entre as cales a de Confucio, e remontando ata os lendarios Sanhuangwudi, que Sima Qian parece considerar como verídicos.
A súa obra pode compararse, en parámetros occidentais, ás Historias de Heródoto: "o que Heródoto é para os europeos, iso é Sima Qian para os chineses".[1]
Últimos anos e morte
[editar | editar a fonte]Ao saír do cárcere no 97/96 a.C., Sima Qian continuou servindo na corte Han como zhongshuling (中書令), un posto de arquiveiro da corte reservado a eunucos, con considerable status e cunha soldada maior ca a do seu anterior posto de historiador.[11]
A Carta a Ren An foi escrita en resposta á implicación do seu amigo Ren An na rebelión do príncipe herdeiro Liu Ju no 91 a.C., e constitúe o último rexistro de Sima Qian nos documentos da época. A carta contesta a unha misiva perdida de Ren An, que quizais lle pedía a Sima Qian que intercedese por el, pois se enfrontaba á execución acusado de oportunismo e de lealdade ambigua cara ao emperador durante a rebelión. Na súa resposta, Sima Qian declarábase un home mutilado sen influencia na corte.[12] Algunhas fontes posteriores afirman que o propio Sima Qian se viu implicado na rebelión pola súa amizade con Ren An e que foi executado na purga dos partidarios do príncipe herdeiro, pero o testemuño máis antigo desta versión data do século IV. O erudito de comezos do século XX Wang Guowei sinalou que non hai rexistros fiables que permitan fixar a data da súa morte; el e a maioría dos historiadores modernos cren que Sima Qian pasou os seus últimos días como erudito retirado (yinshi 隱士) tras deixar a corte Han, e que quizais morreu pola mesma época ca o emperador Wu, no 87/86 a.C.[11]
Historiador
[editar | editar a fonte]
Aínda que o estilo e a forma dos escritos históricos da China variou a través do tempo, o Shiji ("Rexistros do grande historiador") definidor a calidade e o estilo a partir del. Antes de Sima as historias escribíanse como certos sucesos ou certos períodos da historia dos estados. A súa idea de historia xeral influíu aos historiadores posteriores como Zheng Qiao (郑樵) na escritura de Tongshi (通史) e Sima Guang en Zizhi Tongjian. A forma histórica chinesa da historia dinástica (historia jizhuanti das dinastías) codificouse na historia da segunda dinastía por Ban Gu en Han Shu, pero os historiadores recoñecen a obra de Sima como o seu modelo, que se converteu no "formato oficial" da historia da China. O Shiji comprende 130 capítulos formados por medio millón de caracteres.[7]
Formato do Shiji
[editar | editar a fonte]O Shiji emprega o formato jizhuanti (紀傳體), que divide a obra en varios tipos de capítulos. Os máis salientables son os «anais básicos» (本紀; benji), con biografías de cada soberano ordenadas cronoloxicamente por dinastía, e as «biografías ordenadas» (列傳; liezhuan), con biografías de persoeiros influentes alleos á nobreza, ás veces dun só individuo, pero a miúdo de dous ou máis personaxes que, a xuízo de Sima, desempeñaron papeis de importancia comparable. A estes engádense as «táboas» (表; biao), que recompilan cronoloxías gráficas da realeza e da nobreza, e os «tratados» (書; shu), con exposicións históricas de temas como a música, o ritual ou a economía. Por último, as «crónicas das casas hereditarias» (世家; shijia) documentan os acontecementos importantes do reinado de cada gobernante dos estados da dinastía Zhou, así como as historias das casas nobres estabelecidas durante os Han.[13]
Na totalidade, o Shiji consta de 12 anais básicos, 10 táboas, 8 tratados, 30 crónicas de casas hereditarias e 70 biografías ordenadas, sendo a última das biografías o posfacio da obra. Este capítulo final detalla o contexto no que se compuxo e recompilou o Shiji e xustifica brevemente a inclusión dos principais temas, acontecementos e personaxes; inclúe un breve esbozo da historia do clan Sima dende os tempos lendarios ata Sima Tan, as verbas que este pronunciou no seu leito de morte pedindo ao autor que escribise a obra, e un esbozo biográfico do propio Sima Qian.[7]
Influencias e método
[editar | editar a fonte]Sima Qian viuse moi influído polas Primaveras e outonos atribuídas a Confucio, en aparencia unha cronoloxía sucinta dos reinados dos doce duques de Lu entre o 722 e o 484 a.C. Moitos eruditos chineses consideraron, e aínda consideran, o modo en que Confucio ordenou a súa crónica como o modelo ideal de como debe escribirse a historia, especialmente no que respecta ao que elixiu incluír e excluír e á escolla das palabras como indicio de xuízos morais. Vistas así, as Primaveras e outonos son unha guía moral do xeito correcto de vivir, opinión que o propio Sima compartía.[14]
Para Sima, a escritura da historia non era un mero pasatempo antiquario, senón unha tarefa moral esencial: o historiador "preserva a memoria" e, dese xeito, garante a vitoria final do ben sobre o mal. A propósito de Su Qin, escribiu:[15]
Su Qin e os seus dous irmáns acadaron a fama entre os señores feudais como estrategos itinerantes. As súas políticas facían fincapé nos estratagemas e nos cambios de poder. Pero como Su Qin morreu morte de traidor, o mundo uníuse para mofarse del e resistíase a estudar as súas políticas [...] Su Qin xurdiu das orixes máis humildes para liderar os Seis Estados na Alianza Vertical, e isto é proba de que posuía unha intelixencia superior á da persoa corrente. Por esta razón expuxen este relato dos seus feitos, ordenándoos na súa secuencia cronolóxica axeitada, para que non sufra para sempre unha mala reputación e non sexa coñecido por nada máis.Sima Qian, Shiji.[15]
Esta orientación moral da historia podía ser perigosa para o historiador, pois podía atraer a ira do Estado, como lle aconteceu ao propio Sima; por iso o historiador tiña que andar con tento e expresar a miúdo os seus xuízos de maneira indirecta, pensada para despistar ao censor.[16]
No inicio do Shiji, Sima declarouse seguidor do enfoque de Confucio nas Analectas: "escoir moito, pero deixar de lado o que é dubidoso, e falar con prudencia do resto". Coherente con este rigor, declarou que non escribiría sobre períodos sen documentación dabondo ("as idades anteriores á dinastía Qin son demasiado remotas e o material sobre elas demasiado escaso para permitir aquí un relato detallado") e desbotou os relatos "ridículos" da tradición, como a pretensión de que o príncipe Tan podía, por maxia, facer que as nubes chovesen gran e que aos cabalos lles medrasen cornos.[16] Sima contrastou constantemente os relatos dos manuscritos con fontes que consideraba fiables, como os clásicos confucianos (o Clásico da poesía, o Libro dos documentos, o Libro dos ritos, o Clásico da música, o I Ching e as Primaveras e outonos); cando un relato non podía cotejarse cos clásicos, comparábao sistematicamente con outros documentos, e mencionou polo menos 75 libros empregados nesta labor. Ademais, preguntaba a miúdo á xente polos acontecementos históricos que vivira, e prefería entrevistar os anciáns, por considerar que eran os máis proclives a fornecer información correcta e veraz. Tras unha das súas viaxes escribiu: "Cando tiven ocasión de pasar por Feng e Beiyi, preguntei á xente maior do lugar, visitei o vello fogar de Xiao He, Cao Can, Fan Kuai e Xiahou Ying e aprendín moito sobre aqueles primeiros tempos. Que diferente era das historias que un escoita!"[17]
Innovacións
[editar | editar a fonte]Malia a súa débeda coa tradición confuciana, Sima Qian foi un innovador en catro aspectos. En primeiro lugar, a súa obra ocúpase da historia de todo o mundo coñecido: os historiadores chineses anteriores centráranse nunha soa dinastía ou rexión, mentres que a historia de Sima comeza no lendario Emperador Amarelo e chega ata o seu propio tempo, abarcando non só a China, senón tamén pobos veciños como os de Corea e o Vietnam.[13] Sima foi así o primeiro historiador chinés que tratou os pobos do norte da Gran Muralla, como os xiongnu, como seres humanos implícitamente equiparables ao Reino do Medio, fronte ao enfoque tradicional que os presentaba como salvaxes con aparencia humana e mente de animal; nos seus comentarios sobre os xiongnu abstívose de invocar a superioridade moral innata dos Han, un tópico retórico habitual dos historiadores chineses da época, e no capítulo que lles dedica condena os conselleiros que buscan "a conveniencia do momento", é dicir, que aconsellan ao emperador conquistas que traen un breve intre de gloria pero cargan o Estado cos enormes custos, financeiros e humanos, de manter o territorio conquistado, nunha crítica indirecta aos partidarios da política agresiva do emperador Wu.[18]
En segundo lugar, Sima empregou fontes novas para a historiografía chinesa, como as entrevistas a testemuñas, a visita aos lugares onde ocorreran os feitos e o exame de documentos de diferentes rexións e épocas, mentres que os seus predecesores tenderan a usar só as crónicas das dinastías reinantes.[13] En terceiro lugar, o Shiji foi moi novidoso ao examinar acontecementos históricos fóra das cortes, ofrecendo unha historia máis ampla cás tradicionais crónicas cortesás.[13] E, en cuarto lugar, rompeu coa estrutura cronolóxica tradicional da historia chinesa ao dividir a obra nas cinco seccións descritas.[13]
Ao contrario cós historiadores chineses tradicionais, Sima foi máis alá das historias androcéntricas centradas na nobreza e ocupouse das vidas de mulleres e de homes como poetas, burócratas, comerciantes, bufóns, asasinos e filósofos.[19] O lugar no que situaba os seus personaxes era a miúdo o seu xeito de expresar xuízos morais de maneira oblicua: a emperatriz Lü e Xiang Yu foron os gobernantes efectivos da China nos seus reinados, polo que Sima colocou as súas vidas nos anais básicos, e Confucio aparece entre as crónicas das casas hereditarias e non entre as biografías, onde lle correspondería, como mostra da súa eminente virtude. A estrutura do Shiji permitiulle ademais contar as mesmas historias de xeitos diferentes: nos anais, o emperador Gaozu aparece como un bo líder, mentres que no capítulo do seu rival Xiang Yu é retratado sen contemplacións, e á inversa. Ao final da maioría dos capítulos, Sima engadía un comentario no que xulgaba en que medida o personaxe estivera á altura dos valores tradicionais chineses, como a piedade filial, a humildade, a autodisciplina, o traballo e a preocupación polos menos afortunados.[19]
Sima Qian foi criticado a miúdo por "historizar" mitos e lendas, ao asignar datas a figuras míticas da antigüidade chinesa e trazar xenealoxías sospeitosamente precisas de familias prominentes ao longo de milenios, incluída a súa propia, que fai descender os Sima de emperadores lendarios. Con todo, os achados arqueolóxicos das últimas décadas confirmaron aspectos do Shiji, incluídos os reinados e a localización das tumbas de gobernantes antigos, o que suxire que, aínda que as seccións sobre o pasado remoto non sexan totalmente certas, Sima polo menos escribiu o que cría que era verdade.[7]
Figura literaria
[editar | editar a fonte]O Shiji está recoñecido como modelo de literatura biográfica cun alto valor literario e mantense como libro de texto para o estudo do chinés clásico. As obras de Sima influíron na escritura chinesa, servindo de modelo para varios tipos de prosa no movemento neoclásico ("renacemento" 复古) do período das dinastías dinastía Tang e Song. Tamén influíu na escritura de ficción, como nos relatos clásicos do período medieval (dinastías Tang-Ming) así como na novela vernácula do período imperial posterior. Sima tivo unha inmensa influencia na historiografía non só na China, senón tamén no Xapón e en Corea.[20] Durante os séculos seguintes, o Shiji foi recoñecido como o maior libro de historia escrito en Asia.[20]
A súa influencia deriva principalmente dos seguintes elementos da súa escritura: a súa habilidosa descrición das personaxes históricas empregando detalles do seu discurso, das súas conversas e das súas accións; o seu innovador uso da linguaxe informal, humorística e variada; e a simplicidade e a concisión do seu estilo. Mesmo no século XX o crítico literario Lu Xun describiu o Shiji como «a canción máis perfecta dos historiadores, un Li Sao sen rima» (史家之绝唱,无韵之离骚), na súa Hanwenxueshi Gangyao (汉文学史纲要, "Esquema da historia da literatura chinesa").
Outras obras literarias
[editar | editar a fonte]A célebre carta de Sima ao seu amigo Ren An sobre o seu sufrimento durante o caso Li Ling e a súa perseveranza na escritura de Shiji está admirada como exemplo de estilo literario en prosa e é amplamente estudada na China.
A Carta a Ren An contén a célebre frase: "Os homes tiveron sempre unha soa morte. Para uns é tan pesada como o monte Tai; para outros, tan lixeira como unha pluma de ganso. A diferenza está no uso que se lle dá" (人固有一死,或重于泰山,或輕于鴻毛,用之所趨異也), unha das citas máis coñecidas de toda a literatura chinesa, que nos tempos modernos Mao Tse Tung parafraseou nun discurso en homenaxe a un soldado caído do Exército Popular de Liberación.[11]
Sima Qian escribiu oito rapsodias (fu 赋), listadas no tratado bibliográfico do Libro de Han. Porén, todas agás unha, "Rapsodia en lamento polos cabaleiros que non coñeceron o seu tempo" (士不遇赋) están perdidas, e mesmo a sobrevivente posiblemente non estea completa.
Astrólogo
[editar | editar a fonte]Sima e o seu pai foron astrólogos (taishi) 太史 na corte da dinastía Han. Nese tempo, os astrólogos tiñan un importante papel, sendo responsables de interpretar e predicir o curso do goberno segundo a influencia do Sol, a Lúa e as estrelas, así como outros fenómenos, como eclipses solares e terremotos.
Antes de recompilar o Shiji, en 104 a.C., Sima Qian creou Taichuli (太初历) que pode ser traducido como "O primeiro calendario" sobre a base do calendario da dinastía Qin. Taichuli foi un dos máis avanzados calendarios do seu tempo. A creación de Taichuli foi recoñecida como unha revolución na tradición chinesa do calendario, xa que estableceu 365,25 días no ano e 29,53 días no mes.
O planetoide 12620 Simaqian recibiu ese nome na súa honra.
Legado
[editar | editar a fonte]O innovador enfoque historiográfico de Sima Qian é que vai alén dunha historia "cortesá" dinástica. Esta forma existía antes del e, por suposto, aínda existe (o Tongshi). A historia oficial da dinastía Han, o Hanshu (汉书 / 漢書), foi escrita por Ban Gu (班固) no século I d.C. Enmárcase no principio dinástico e persegue un enfoque máis restrinxido.
As primeiras crónicas do período Han caracterízanse polo desexo dos seus autores de limitarse a gravar o suceso, sen darlle ningunha interpretación. A cuestión da dependencia dos padróns históricos aínda non xurdira. A causa disto é, en parte, o feito de que tal análise só se fai posible pola acumulación dunha certa cantidade de información. Sima Qian foi o primeiro historiador chinés e un dos primeiros (xunto con Polibio) no mundo en intentar sistematizar os datos históricos, resumilos e extraer algunhas conclusións a partir del. Non obstante, cómpre ter en conta que, aínda que as obras de Polibio e Sima Qian son semellantes, tamén hai características que os distinguen significativamente entre si.
Mentres que o traballo histórico de Polibio se centra na xeneralización dun curto período de existencia en varios países, o estudo de Sima Qian examina toda a historia da China dende épocas míticas ata o século II a.C., é dicir, un período total de non menos de dous mil anos. O libro ten un total de 130 volumes e máis de 500 000 caracteres chineses, unha cantidade de traballo extremadamente grande, que non ten comparación nin precedentes na ciencia contemporánea. De feito, o desenvolvemento da historiografía chinesa entrou nunha nova fase coa chegada das memorias históricas. O interese pola ciencia da historia viu reforzada a súa posición.
Sima adoptou un novo método de clasificación de datos históricos e un novo enfoque para escribir arquivos históricos. Analizou os rexistros e ordenounos para que se puidesen empregar na fabricación do Shiji. Pretendíase descubrir os patróns e principios do desenvolvemento da historia humana.
Sima subliñou o papel que a xente tivo na evolución histórica da China. Foi a primeira vez na historia da China en que o pobo se puxo no punto de mira da análise do desenvolvemento histórico. Tamén denunciou o emperador Han Wudi, que era moi supersticioso, e rezou aos deuses de forma extravagante. Tamén intentou comprender a lóxica do ascenso e descenso das dinastías e explicar o principio da existencia da China.
En canto á composición dunha obra complexa, o material dalgunhas seccións (benji, shijia) distribúese coa secuencia cronolóxica das outras (zhi), feito que suxire un esquema temático: seccións musicais, cerimonias, calendarios, crenzas, economía, así como biografías detalladas (Liezhuan). Entre estes, por exemplo, está a primeira biografía coñecida de Laozi, o lendario autor do Daodejing. Shiji foi unha investigación histórica privada (e non a crónica oficial) e, polo tanto, máis libre das presións do poder, o que permitiu ao autor empregar unha linguaxe máis suave e colorida. Aínda que Sima era o prefecto dos grandes escribas do goberno de Han, rexeitou escribir o Shiji como historiografía oficial que abranguía só personaxes de alto rango. O traballo céntrase tamén na xente da clase baixa e, polo tanto, considérase un "verdadeiro recordo" da parte máis escura da China da dinastía Han.
Familia
[editar | editar a fonte]
Sima Qian era fillo do astrólogo da corte (taishiling 太史令) Sima Tan, descendente do xeneral de Qin Sima Cuo (司馬錯), comandante do exército de Qin na conquista dos estados de Ba e Shu.[2]
Antes da súa castración, Sima Qian tivo dous fillos e unha filla rexistrados. Aínda que dos fillos se sabe pouco, a filla casou con Yang Chang (楊敞), do clan Yang de Hongnong, e foi nai de Yang Zhong (楊忠) e Yang Yun (楊惲, finado cara ao 55 a.C.). Foi precisamente Yang Yun quen agochou a gran obra do seu avó e decidiu difundila durante o reinado do emperador Xuan.[8]
Segundo a lenda local, os dous fillos de Sima Qian, o maior chamado Sima Lin (司馬臨) e o menor Sima Guan (司馬觀), fuxiron da capital á aldea de Xu (徐村), na actual provincia de Shanxi, durante o caso Li Ling, por medo á exterminación familiar, e cambiaron os seus apelidos a Tong (同) e Féng (馮), respectivamente, para ocultar a súa orixe mentres seguían ofrecendo sacrificios en segredo aos antepasados Sima. A día de hoxe, as persoas da aldea que levan eses dous apelidos non poden casar entre si por se consideraren parentes.[21]
Segundo o Libro de Han, Wang Mang enviou unha expedición para buscar e ennobrecer un descendente por liña masculina de Sima Qian co título de "Vizconde da Maestría Histórica" (史通子), aínda que non se rexistrou quen o recibiu.[8]
Notas
[editar | editar a fonte]- 1 2 Gracie, Carrie (8 de outubro de 2012). "Sima Qian: China's 'grand historian'". BBC News. Consultado o 18 de novembro de 2026. (en inglés)
- 1 2 Knechtges (2014), p. 959.
- ↑ de Crespigny (2007), p. 1222.
- 1 2 3 4 5 6 Knechtges (2014), p. 960.
- 1 2 3 4 Hughes-Warrington (2000), p. 291.
- ↑ Watson (1958), p. 47.
- 1 2 3 4 5 6 Jay, Jennifer (1999). ""Sima Qian"". En Kelly Boyd. The Encyclopedia of Historians and Historical Writing Volume 2. FitzRoy Dearborn. pp. 1093–1094.
- 1 2 3 Libro de Han.
- 1 2 3 Knechtges (2014), p. 961.
- ↑ Watson (1958), pp. 57-67.
- 1 2 3 Durrant, Stephen W.; Li, Wai-yee; Nylan, Michael; van Ess, Hans (2016). The Letter to Ren An and Sima Qian's Legacy. Seattle: University of Washington Press. ISBN 978-0-295-80638-9. (en inglés)
- ↑ Knechtges, David R. (2008). ""Key Words," Authorial Intent, and Interpretation: Sima Qian's Letter to Ren An". Chinese Literature: Essays, Articles, Reviews 30: 75–84. ISSN 0161-9705. (en inglés)
- 1 2 3 4 5 Hughes-Warrington (2000), p. 294.
- ↑ Hughes-Warrington (2000), pp. 291-292.
- 1 2 Hughes-Warrington (2000), pp. 292-293.
- 1 2 Hughes-Warrington (2000), p. 293.
- ↑ Hughes-Warrington (2000), pp. 293-294.
- ↑ Chin (2010), pp. 318-321.
- 1 2 Hughes-Warrington (2000), p. 295.
- 1 2 Hughes-Warrington 2000, p. 296
- ↑ Zhang, Xuecheng (2011). Shi ji zong lun. Pekín: Jiu zhou chu ban she. ISBN 978-7-5108-1038-1. (en chinés)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| Commons ten máis contidos multimedia sobre: Sima Qian |
| A Galipedia ten un portal sobre: China |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Chin, Tamara (2010). "Defamiliarizing the Foreigner: Sima Qian's Ethnography and Han-Xiongnu Marriage Diplomacy". Harvard Journal of Asiatic Studies 70 (2): 311–354. doi:10.1353/jas.2010.0004. (en inglés)
- de Crespigny, Rafe (2007). A Biographical Dictionary of Later Han to the Three Kingdoms (23–220 AD). Leiden: Brill. ISBN 978-90-04-15605-0.
- Hughes-Warrington, Marnie (2000). Fifty Key Thinkers on History. Londres: Routledge.
- Knechtges, David R. (2014). "Sima Qian 司馬遷". En Knechtges, David R.; Chang, Tai-ping. Ancient and Early Medieval Chinese Literature: A Reference Guide, Part Two. Leiden: Brill. pp. 959–965. ISBN 978-90-04-19240-9.
- Watson, Burton (1958). Ssu-ma Ch'ien: Grand Historian of China. Nova York: Columbia University Press.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- 司馬遷 (La literatura china traducida en España)
- Artigo sobre Sima Qian na páxina web da BBC (en inglés)
