Propaganda
| Propaganda | |||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||||||||
| |||||||||||||
| |||||||||||||
| |||||||||||||
| |||||||||||||
| Wikidata G:Commons C:Commons | |||||||||||||

A propaganda[1] é unha forma de comunicación consiste no lanzamento dunha serie de mensaxes co fin de influír no sistema de valores e na conduta da cidadanía.
De forma neutral a propaganda é definida como unha forma intencionada e sistemática de persuasión con fins ideolóxicos, políticos ou comerciais, co intento de influír nas emocións, actitudes, opinións e accións dos grupos de destinatarios específicos a través da transmisión controlada de información parcial (que pode ou non estar baseada en feitos) a través dos medios de comunicación masiva e directaRichard Alan Nelson: A Chronology and Glossary of Propaganda in the United States (1996.
A propaganda, no seu sentido máis básico, presenta información parcial para influír nunha audiencia. Con frecuencia presenta os feitos de xeito selectivo e omite outros deliberadamente para sustentar unha conclusión, ou usa mensaxes controladas para producir unha resposta emocional, máis ca racional, cara á información presentada. O efecto desexado é un cambio na actitude da audiencia respecto de asuntos políticos, relixiosos ou comerciais, polo que a propaganda pode empregarse como unha «arma de guerra» na loita ideolóxica ou comercial.[2][3] A mensaxe propagandística repítese e difúndese habitualmente a través dunha ampla variedade de medios co fin de obter o resultado desexado na actitude da audiencia.[4] Aínda que o termo adquiriu nalgúns casos unha connotación sumamente negativa polos exemplos do seu uso máis manipulador e chovinista (por exemplo, a propaganda nazi para xustificar o Holocausto), o sentido orixinal da palabra era neutro.[3]
Cando a propaganda ten como fin promover o consumo e a venda de bens ou servizos, denomínase publicidade. Debido a que este campo da actividade informativa é moi amplo e estendido, prefírese xeralmente restrinxir o termo «propaganda» aos ámbitos ideolóxico, político ou relixioso.[5][6]
Características
[editar | editar a fonte]Artéllase a partir dun discurso persuasivo que busca a adhesión das persoas a determinados intereses. É unha comunicación unidireccional, e require do recurso do anuncio. A súa formulación consiste en utilizar unha información presentada e difundida masivamente coa intención de apoiar unha determinada opinión ideolóxica ou política. Aínda que a mensaxe conteña información verdadeira, é posible que sexa incompleta, non contrastada e partidista, de forma que non presente un cadro equilibrado da opinión en cuestión, que é contemplada sempre en forma asimétrica, subxectiva e emocional.
O seu uso primario provén do contexto político, referíndose xeralmente aos esforzos patrocinados por gobernos ou partidos para convencer as masas; amais, existe a propaganda como publicidade de empresas privadas.
A propaganda pode ser usada en contextos moi diferentes. A propaganda relixiosa foi moi difundida ao longo da historia, como cando san Paulo exerceu o apostolado do cristianismo e estableceu as primeiras igrexas cristiás en Asia Menor, Grecia e Italia. Algúns libros, mesmo novelas, tamén foron utilizados como vehículo para a propaganda, como As viaxes de Gulliver (Jonathan Swift, 1726), que atacou a vaidade e hipocrisía da política do seu tempo, ou A cabana do tío Tom (Harriet Beecher Stowe, 1852), que ao describir a escravitude nos estados sureños dos Estados Unidos contribuíu ao desenvolvemento do movemento abolicionista.
A coñecida como propaganda branca busca crear unha opinión favorable sobre unha organización, grupo ou goberno específico, como a difundida polo goberno nazi na década de 1930 para destacar a supremacía e a prosperidade do seu país. A propaganda negra intenta fomentar a intranquilidade e a superstición con respecto ás accións ou intencións doutra entidade, como a difundida durante a guerra fría.
Os avances tecnolóxicos dos medios de comunicación, especialmente os electrónicos, están ampliando as canles de propaganda.
A meta da propaganda é aumentar o apoio (ou o rexeitamento) a unha determinada posición, antes ca presentala simplemente nos seus pros e os seus contras: o seu obxectivo non é falar da verdade, senón convencer á xente, inclinando a opinión xeral en vez de informala. Por iso, a información transmitida preséntase a miúdo cunha alta carga emocional, apelando comunmente á afectividade, en especial aos sentimentos patrióticos, e a argumentos emocionais máis ca racionais.[3] A propaganda repítese e dispersase sobre unha ampla variedade de medios co fin de crear o resultado desexado nas actitudes da audiencia.
Fronte ao discurso xornalístico, a propaganda tende a esquematizar e a simplificar os conceptos, en lugar do carácter máis argumentativo propio do xornalismo. E fronte ao discurso pedagóxico, que presenta o problema dende diversos puntos de vista para que o receptor forme un criterio propio, a propaganda restrínxese a un só punto de vista que tende ao dogmatismo.
Cando se utiliza de forma pouco ética, a propaganda é en realidade un modo de desinformación e de censura, e emprega a metodoloxía da retórica para convencer aos seus destinatarios. No sentido político do termo, desenvolveuse fundamentalmente no século XX coa socioloxía moderna e a consolidación da sociedade de masas.
Etimoloxía
[editar | editar a fonte]Propaganda procede do latín propagare ('perpetuar, acrecentar, estender'). O termo comezou a ser usado pola curia romana, e continuou durante a Contrarreforma, onde a Igrexa usaba a expresión de propaganda fide, con intención pastoral.
En inglés, "propaganda" ten connotacións negativas.
Tipos de propaganda
[editar | editar a fonte]Adoita clasificarse a propaganda en tres tipos segundo o grao de transparencia sobre a súa fonte e a súa intención.[7]
A propaganda branca procede dunha fonte que se identifica abertamente e presenta a información dun xeito preciso, aínda que orientado. É a empregada polos gobernos nas súas campañas oficiais, como a difundida pola Voz de América durante a guerra fría.
A propaganda gris non identifica claramente a súa fonte e a exactitude da información é incerta. Foi moi empregada fóra do territorio propio durante a guerra fría: as emisoras Radio Free Europe e Radio Liberty, financiadas pola CIA, emitían noticias e programas de entretemento nos que se inserían mensaxes da ideoloxía estadounidense dirixidos á poboación da Unión Soviética e de Europa do Leste.[8]
A propaganda negra presenta unha fonte falsa e difunde mentiras, fabricacións e enganos, atribuíndo as mensaxes a unha fonte amigable cando en realidade proceden do adversario. Busca fomentar a intranquilidade e a superstición respecto ás accións ou intencións doutra entidade, e foi empregada por ambos os bloques, sobre todo en períodos de crise.
Historia
[editar | editar a fonte]
Os edictos de Asoka (século III a. C.) son unha serie de edictos escritos que se conservaron en columnas ou rochas naturais distribuídas polo Norte do subcontinente indio. Estas inscricións estaban localizadas en enclaves importantes como preto das cidades, rutas comerciais ou centros relixiosos, co que o goberno de Asoka se aseguraba de chegar ao maior número de xente posible. Eran preceptos morais, relixiosos e prestacións sociais en relación cos homes e os animais.
Outro exemplo temperán de propaganda é a inscrición de Behistún (cara ao 515 a. C.), que narra a ascensión de Darío I ao trono do Imperio Aqueménida e é vista pola maioría dos historiadores como un dos primeiros exemplos coñecidos de propaganda.[9] Tamén nas últimas guerras civís romanas (44–30 a. C.), Octavio e Marco Antonio acusáronse mutuamente de orixes escuras e degradantes, crueldade, covardía, incompetencia oratoria e todo tipo de infamias, nun enfrontamento propagandístico que fixo uso do xénero retórico da invectiva e que foi decisivo para conformar a opinión pública de Roma.[10] Séculos despois, Xenxis Khan enviaba homes por diante do seu exército para espallar rumores que desmoralizasen o inimigo, conseguindo en moitos casos vencer con forzas numericamente menores.[11]
Sendo coñecida moito antes na India e a China, a propaganda en Europa ten os seus inicios escritos xa en inscricións de mensaxes publicitarias entre os comerciantes gregos. Na curia romana empregábase para difundir a súa mensaxe relixiosa. Esta ferramenta volver ser empregada e a expandirse grazas ao impulso da Igrexa católica co seu departamento de administración pontificia dedicado a controlar as rutas misioneiras do Novo Mundo. No período da Contrarreforma emprégase a expresión de propaganda fide con intención pastoral, cando o 22 de xuño de 1622 o papa Gregorio XV instituíu a Congregación para a Evanxelización dos Pobos ou Propaganda Fide, coa fin de propagar o catolicismo nos continentes en vías de colonización.
Idade Moderna
[editar | editar a fonte]
A invención da imprenta de tipos móbiles a mediados do século XV multiplicou a capacidade de difundir mensaxes e marcou un punto de inflexión na historia da propaganda. O emperador Maximiliano I foi o primeiro gobernante en empregala sistematicamente con fins propagandísticos, tanto para construír a súa propia imaxe e espertar sentimentos patrióticos como para influír na poboación dos seus inimigos, mediante informes de batalla unilaterais que eran os predecesores dos xornais modernos.[12]
Durante a Reforma protestante, a difusión da imprenta por Europa, e en particular por Alemaña, fixo que novas ideas, pensamentos e doutrinas chegasen ao público dun xeito nunca visto ata o século XVI, e os panfletos convertéronse nunha arma central do enfrontamento relixioso.[13] Na época da Revolución Americana, as trece colonias contaban cunha florecente rede de xornais e impresores especializados ao servizo dos patriotas e, en menor medida, dos leais á coroa.[14] A académica Barbara Diggs-Brown sostén que as connotacións negativas do termo «propaganda» están asociadas ás transformacións sociais e políticas do período da Revolución francesa (1789–1799) e de comezos do século XIX, cando a palabra comezou a empregarse nun contexto político e non relixioso.[15]
Século XX
[editar | editar a fonte]

Porén, non foi ata a primeira guerra mundial cando se iniciou a sistematización do uso da información ao servizo dos intereses belicistas.[16] O xornalista Walter Lippmann e o relacionista público Edward Bernays foron os responsables de orquestrar a primeira campaña antialemá nos Estados Unidos de América para que o pobo estadounidense dese o seu visto e prace á entrada deste país na contienda.
Un ambiente de rivalidade internacional materializado en actitudes chauvinistas, sumado á tensión propia da época (agresivas políticas coloniais, conflitos ancorados na memoria como a guerra franco-prusiana) iniciaron o conflito.[16] Os sectores belicistas estimularon a agresividade recorrendo ao emprego de todos os medios ao seu alcance, entre os que destacou o uso da prensa e a colaxe masiva de carteis propagandísticos. Os medios de comunicación (prensa e radio) pasaron a seren controlados e censurados polos gobernos.[16]
As mensaxes propagandísticas intentaban evitar a desmoralización e o derrotismo, houbo un forte control da información que se recruou especialmente trala crise de 1917.[17][18]
A guerra civil española constituíu un verdadeiro fito e foi a antesala da segunda guerra mundial, onde se puxeron en práctica os elementos persuasivos máis importantes. Como parte da propaganda franquista quedou implantada a idea de que na guerra civil española había dous bandos enfrontados. Desta manera pretendeuse dar lexitimidade ao feito de apoiar coas armas un levantamento contra o goberno democrático lexítimo.

Durante a Alemaña nazi, Adolf Hitler procurou modificar o sentido pexorativo que adquirira o termo propaganda nos anos posteriores á primeira guerra mundial, e a súa primeira acción propagandística consistiu en impregnar no pobo alemán un concepto positivo da propaganda.[3] Xa en Mein Kampf (1925), Hitler expuxera a súa teoría da propaganda, que lle deu unha base poderosa para a súa chegada ao poder en 1933.[19] A meirande parte da propaganda da Alemaña nazi foi producida polo Ministerio do Reich para a Ilustración Pública e Propaganda, creado en 1933 e dirixido por Joseph Goebbels, encargado da regulación da prensa, a literatura, a arte visual, o cine, o teatro, a música e a radiodifusión.[20]
A propaganda ideolóxica durante a segunda guerra mundial e a avaliación dos seus efectos confirmaron a eficacia dos mecanismos de persuasión, e fixeron da guerra ideolóxica un compoñente primordial dos conflitos armados posteriores.[2]
Na guerra fría (1946–1989), a oposición entre as dúas principais potencias da segunda metade do século XX, os Estados Unidos e a URSS, representantes das formas de goberno capitalista e comunista respectivamente, non derivou nun enfrontamento directo, de xeito que o período quedou marcado polo combate simbólico e retórico impulsado polos dirixentes de cada bloque, no que a propaganda cobrou un valor especial. No bando estadounidense, a Voz de América, un exemplo de propaganda branca, operaba como emisora oficial de radio do goberno, mentres que a propaganda gris se levaba a cabo especialmente fóra do territorio, sobre todo na URSS e en Europa do Leste, a través das emisoras Radio Free Europe e Radio Liberty, controladas pola CIA.[21] No bando soviético, os ideólogos comunistas empregaron de xeito semellante a emisora oficial Radio Moscova e utilizaron tamén a escola como medio para despregar a súa propaganda antiamericana. A CIA, a través dunha editorial pantalla chamada Bedford Publishing Company, distribuíu ademais ao longo de 15 anos máis dun millón de libros entre lectores soviéticos (novelas de George Orwell, Albert Camus, Vladimir Nabokov, James Joyce e Borís Pasternak) para promover o sentimento anticomunista e a simpatía polos valores occidentais.[22] Dende ambos os sectores introduciuse tamén a chamada propaganda negra, sobre todo en períodos de crise.

Século XXI
[editar | editar a fonte]Despois dos atentados do 11 de setembro de 2001 o goberno estadounidense iniciou o que denominou guerra contra o terrorismo, comprendida como unha guerra de cuarta xeración, onde se fixo uso dos medios masivos, especialmente dos medios televisivos; sen excluír Internet. A política estadounidense centrouse en propagar o suposto choque de civilizacións, propaganda que promoveu e logrou o apoio popular necesario para a invasión de Iraq de 2003 co argumento de que Saddam Hussein posuía armas de destrución masiva e que apoiaba a rede Al Qaeda.
Estados Unidos en relación ao programa nuclear de Irán utilizou en 2006 a denominación de fascismo islámico[23][24] nunha retórica tendente a xustificar un ataque contra Irán.
Se ben os gobernos contan coa capacidade de difundir a súa retórica por medios masivos globais en forma extensa, os grupos que son atacados dende os medios e os que se opoñen ás guerras válense dos medios alternativos e de Internet principalmente, logrando influír na opinión pública.[25] Por outra banda, a estratexia dos medios alternativos é distinta, xa que se centran en ofrecer información que non se publica nos grandes medios e a participación horizontal do espectador ao poderen publicar a súa opinión xunto coa información alternativa, situación que contradí os principios da propaganda.
A xeneralización das redes sociais transformou a propaganda contemporánea: a segmentación das audiencias permite dirixir mensaxes persoalizadas a grupos moi específicos de votantes ou consumidores. En 2018 revelouse que a empresa Cambridge Analytica recollera os datos persoais de millóns de perfís de Facebook sen o seu consentimento e os empregara para construír perfís psicolóxicos con fins de propaganda electoral.[26] Durante a pandemia de COVID-19, a Organización Mundial da Saúde advertiu dunha «infodemia», unha sobreabundancia de información, parte dela inexacta ou falsa, que dificulta atopar fontes fiables e orientación cando se precisan.[27]
En 2022, trala invasión rusa de Ucraína, a Unión Europea vetou as emisións da canle de televisión RT e da axencia de noticias Sputnik nos seus estados membros, cualificándoos de instrumentos de propaganda e desinformación do Kremlin a favor da invasión.[28]

Técnicas de propaganda
[editar | editar a fonte]
O fenómeno da propaganda diversificouse e tecnificouse en grande medida á vez que se desenvolvían os medios de comunicación. Nas sociedades capitalistas, o auxe da publicidade comercial e da propaganda política correu parellas dende comezos do século XX, e na actualidade son as grandes empresas e os expertos publicitarios os que organizan as campañas electorais dos políticos nos seus máis mínimos detalles.[29]
A psicoloxía social serve de axuda e inspiración á propaganda: unha serie de técnicas derivan da falacia e outras empregan a manipulación emocional. No período de entreguerras, o Institute for Propaganda Analysis (Instituto para a Análise da Propaganda), creado nos Estados Unidos en 1937, sistematizou os trucos habituais da propaganda política analizados por Clyde R. Miller:[30]
- o insulto e a difamación do adversario;
- a explotación de tópicos e lugares comúns;
- a técnica da transferencia, que proxecta sobre unha causa a autoridade ou o prestixio doutra entidade;
- a referencia á autoridade e ao prestixio;
- a modestia e a identificación cos máis desfavorecidos;
- a técnica da mentira, a falsidade e a calumnia;
- e a técnica que explota a frase «todos o fan».
Outros autores engadiron á lista a fabricación de documentos falsos, a inspiración do medo, os testemuños, a mentalidade gregaria, a redefinición de palabras e conceptos, a xeneralización e os estereotipos, as imprecisións intencionadas ou as mentiras por omisión, a proxección, a simplificación esaxerada, o eslógan e o bode expiatorio.
O psicólogo Jean-Léon Beauvois creou o concepto de «propaganda escura» (propagande glauque, en francés) para definir os procesos de influencia inconscientes que crean un a priori positivo ou negativo sobre determinado concepto: por exemplo, o sorriso ou o ton afábel dun presentador de televisión ao falar dos temas que desexa valorizar, sen entrar nun verdadeiro debate de ideas.[31] O editor Éric Hazan, pola súa banda, inspirándose nas análises de Victor Klemperer sobre a lingua da Alemaña nazi, estudou as palabras, os xiros e os procedementos a través dos cales a lingua pública actual acolle e transmite valores ideolóxicos.[32] E a historiadora Anne Morelli elaborou un sistema analítico da propaganda de guerra baseado nas obras de Arthur Ponsonby, condensado nos chamados «dez mandamentos da propaganda de guerra».[33]
Diferenza entre propaganda e publicidade
[editar | editar a fonte]Nalgunhas linguas o termo «propaganda» non ten as connotacións negativas que presenta en inglés, e o seu uso pode xerar malentendidos: no Brasil e nalgúns países hispanoamericanos, por exemplo, adoptouse como sinónimo de publicidade comercial, unha acepción que tamén recolle o Diccionario de la lengua española.[34]
Canto á diferenza entre a publicidade comercial e a propaganda, destaca o tipo de conduta que cada unha pretende modificar: a publicidade busca influír nas condutas de consumo dunha persoa, mediante campañas ou accións publicitarias en diferentes medios e con diferentes obxectivos, para que o consumidor leve a cabo un acto de consumo a curto ou longo prazo, mentres que a propaganda busca que unha persoa se adhira a unha ideoloxía ou crenza.[5] Outra discrepancia é que a publicidade comercial se dirixe ao individuo, mentres que o público obxectivo da propaganda é o grupo social, para identificar o cidadán cos valores do conxunto.[6] Con todo, na actualidade a fronteira entre ambos os termos volveuse difusa pola converxencia de intereses entre as grandes empresas e os partidos políticos.
O cine, a radio e a televisión como ferramentas propagandísticas
[editar | editar a fonte]Un filme ou programa televisivo propagandístico é aquel que usa a forza destes medios para influír na opinión do espectador e convencelo de apoiar unha causa determinada, no campo político ou relixioso. Moitos países sometidos a ditaduras totalitarias viron como os seus dirixentes utilizaron estes medios para gañar a confianza e o apoio da poboación e para illala de calquera influencia ou opinión procedente do exterior.
Segunda guerra mundial
[editar | editar a fonte]Ao longo da segunda guerra mundial producíronse numerosos documentos audiovisuais con fins propagandísticos para concienciar a poboación do poder e da barbarie inimiga e para aumentar o ánimo de tropas e civís.
Alemaña
[editar | editar a fonte]A Alemaña nazi foi a primeira en crear filmes propagandísticos antes do inicio do conflito bélico, como Triumph des Willens (1935), de Leni Riefenstahl, encargado polo propio Adolf Hitler e no que se amosa o congreso do Partido Nazi de 1934 en Núremberg.[35] A propaganda nazi non se limitaba a documentais ou películas, e incluía tamén carteis e libros.
Estados Unidos
[editar | editar a fonte]O primeiro filme de Hollywood que buscou influír na conciencia pública foi Confessions of a Nazi Spy (1939), de Anatole Litvak, estreado tan só catro meses antes de que estoupase a segunda guerra mundial en Europa e centrado na presenza nazi nos Estados Unidos. Outras películas posteriores sobre o perigo e a influencia negativa do nazismo foron The Great Dictator (1940), de Charles Chaplin, Foreign Correspondent (1940), de Alfred Hitchcock, e Man Hunt (1941), de Fritz Lang.[35]
Moito antes da entrada dos Estados Unidos na guerra, o Pentágono creara unha unidade de comunicación audiovisual, o Signal Corps, que producira varios curtos documentais orientados a concienciar o exército, mais os xefes militares consideraron que non eran dabondo efectivos. Isto levou o goberno a encargar a cineastas de sona películas que levantasen a moral do público e informasen da marcha da guerra, como os documentais A batalla de Midway (1942), de John Ford, Memphis Belle: A Story of a Flying Fortress (1944), de William Wyler, ou The Battle of San Pietro (1945), de John Huston.
Durante a guerra, o goberno estadounidense, en concreto o xeneral George Marshall, encargou a Frank Capra a popular serie documental de sete capítulos Why We Fight (1942–1945), que incitaba o pobo estadounidense a loitar con coraxe no conflito. O director amosou inicialmente o seu desacordo co encargo, mais finalmente aceptouno, e o produto rematado foi de grande utilidade para a propaganda de guerra estadounidense.[35] Capra baseouse no estilo documental dos filmes de Leni Riefenstahl e inverteu as imaxes mediante unha nova narrativa, de xeito que as imaxes triunfais do cine nazi servisen para condenar a barbarie do totalitarismo; para iso empregáronse ademais animacións creadas pola produtora Disney, películas de ficción e materiais capturados ao inimigo.[35]
España
[editar | editar a fonte]Guerra civil
[editar | editar a fonte]
No bando republicano existiu entre 1936 e 1937 un Ministerio de Propaganda; no bando sublevado estaba a Delegación Nacional de Prensa e Propaganda e, xa na ditadura, o Ministerio de Información e Turismo. O cartelismo foi un dos medios propagandísticos máis relevantes da contenda, con artistas como Josep Renau ou Josep Bardasano.
Durante a ditadura franquista
[editar | editar a fonte]Dende o inicio da ditadura franquista púidose percibir o calado que terían as transmisións televisivas: calquera ensaio realizado por estranxeiros ou nacionais necesitaba o consentimento e a aprobación das autoridades do réxime, que fixaban as características do modelo televisivo.[36] O 28 de outubro de 1956 comezaron oficialmente as retransmisions regulares de televisión en España, e TVE converteuse no medio propagandístico máis potente que o réxime empregou para transformar a realidade de xeito favorable e facela chegar á poboación. Inicialmente, Franco foi reticente á televisión polo temor a que producións estranxeiras puidesen enturbar os valores segundo os cales a poboación española debía vivir; gran parte dos días elixidos para inaugurar estudios ou retransmisións coinciden con aniversarios de datas simbólicas para o réxime, como a inauguración dos estudios de Prado del Rey o 18 de xullo de 1964 (XXV anos de Paz).[36]
En 1964, nun discurso nas Canarias, Franco definiu así a función da televisión para o seu réxime: «[...] recibiredes cotidianamente, e coa aperta da Península, o testemuño da verdade de España e da indiscutibilidade das súas realidades».[37]
En oposición á propaganda do réxime creouse, a instancias de Dolores Ibárruri, «a Pasionaria», Radio España Independiente, que emitiu dende o 22 de xullo de 1941 ata o 14 de xullo de 1977, primeiro dende Moscova e, a partir do 5 de xaneiro de 1955, dende Bucarest.[38]
RTVE
[editar | editar a fonte]En 2003, RTVE e o seu director de informativos, Alfredo Urdaci, referíronse ao sindicato Comisións Obreiras como «ce ce o o» ao informar da demanda interposta polo sindicato contra a canle pública polo tratamento informativo dado na folga xeral do 20 de xuño de 2002; os servizos xurídicos do sindicato consideraron que se burlaban do tribunal, do propio sindicato e da opinión pública.[39] En 2015, o diario británico Financial Times acusou o goberno de Mariano Rajoy de crear na canle pública unha programación favorable ao seu partido e de silenciar os da oposición nas semanas previas ás eleccións xerais do 20 de decembro de 2015, cunha menor cobertura dos casos de corrupción que afectaban ao Partido Popular e un trato hostil cara a Pablo Iglesias (Podemos).[40]
Ademais do apoio explícito ás súas propias cadeas, O Pentágono financia ou apoia proxectos cinematográficos con forte contido patriótico a través dun departamento especial, o Film Liaison Office, que supervisa os guións dos filmes bélicos estadounidenses e decide se os apoia ou non.[41]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para propaganda.
- 1 2 "Gobernabilidad y gobernanza". El País (en castelán). 12-4-2002. Consultado o 17-11-2026.
- 1 2 3 4 Emma Rodero Antón (2000). "Concepto y técnicas de la propaganda y su aplicación al nazismo". Actas del III Congreso Internacional Cultura y Medios de Comunicación, Universidade Pontificia de Salamanca (en castelán). Consultado o 17-11-2026.
- ↑ "Propaganda para marcas (y no es publicidad)". Forbes México (en castelán). 9-10-2014. Consultado o 17-11-2026.
- 1 2 "Llámalo comunicación". El País (en castelán). 10-8-2013. Consultado o 17-11-2026.
- 1 2 "El vídeo de los famosos". El País (en castelán). 19-10-1989. Consultado o 17-11-2026.
- ↑ Garth S. Jowett e Victoria O'Donnell (2012). Propaganda & Persuasion (en inglés). SAGE Publications.
- ↑ "About us". Radio Free Europe/Radio Liberty (en inglés). Consultado o 17-11-2026.
- ↑ D. Brendan Nagle e Stanley M. Burstein (2009). The Ancient World: Readings in Social and Cultural History (en inglés). Pearson Education. ISBN 978-0-205-69187-6.
- ↑ Loïc Borgies (2016). Le conflit propagandiste entre Octavien et Marc Antoine. De l'usage politique de la uituperatio entre 44 et 30 a. C. n. (en francés). Éditions Latomus. ISBN 978-90-429-3459-7.
- ↑ W. Phillips Davison (1971). "Some Trends in International Propaganda". The Annals of the American Academy of Political and Social Science (en inglés) 398: 1–13. ISSN 0002-7162. doi:10.1177/000271627139800102.
- ↑ Michael Kunczik (2016). Images of Nations and International Public Relations (en inglés). Routledge. p. 158. ISBN 978-1-136-68902-4.
- ↑ Richard G. Cole (1975). "The Reformation in Print: German Pamphlets and Propaganda". Archive for Reformation History (en inglés) 66: 93–102. ISSN 0003-9381. doi:10.14315/arg-1975-jg07.
- ↑ Richard G. Cole (1975). "The Reformation in Print: German Pamphlets and Propaganda". Archive for Reformation History (en inglés) 66: 93–102. ISSN 0003-9381. doi:10.14315/arg-1975-jg07.
- ↑ Barbara Diggs-Brown (2011). Strategic Public Relations: An Audience-Focused Approach (en inglés). Cengage Learning. p. 48. ISBN 978-0-534-63706-4.
- 1 2 3 "Propaganda sin rubor: la prensa durante la I Guerra Mundial". 20 minutos (en castelán). 1-4-2014. Consultado o 21-11-2014.
- ↑ "Tu país te necesita, los comienzos de la propaganda bélica". National Geographic Society (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 03-12-2014. Consultado o 21-11-2014.
- ↑ "La Primera Guerra Mundial: entre la censura y la propaganda". Reportaje Gráfico. Consultado o 2013.
- ↑ David Thomson, ed. (1960). The New Cambridge Modern History, vol. XII: The Era of Violence 1890-1945 (en inglés). Cambridge University Press. p. 84.
- ↑ "Joseph Goebbels". Holocaust Encyclopedia, Museo Memorial do Holocausto dos Estados Unidos (en inglés). Consultado o 17-11-2026.
- ↑ "About us". Radio Free Europe/Radio Liberty (en inglés). Consultado o 17-11-2026.
- ↑ Nick Romeo (17-6-2014). "Is Literature 'the Most Important Weapon of Propaganda'?". The Atlantic (en inglés). Consultado o 17-11-2026.
- ↑ "Esta nación está en guerra con el fascismo islámico»". Arquivado dende o orixinal o 13 de outubro de 2007. Consultado o 13 de outubro de 2007.
- ↑ "V aniversario del 11-Septiembre: EEUU da nueva definición a Guerra Antiterrorista". Arquivado dende o orixinal o 01 de febreiro de 2014. Consultado o 28 de xuño de 2016.
- ↑ "Estadounidenses repudian de manera abrumadora plan de guerra de Bush en Irak". Arquivado dende o orixinal o 05/10/2011. Consultado o 28/06/2016.
- ↑ Carole Cadwalladr e Emma Graham-Harrison (17-3-2018). "Revealed: 50 million Facebook profiles harvested for Cambridge Analytica in major data breach". The Guardian (en inglés). Consultado o 17-11-2026.
- ↑ "Infodemic". Organización Mundial da Saúde (en inglés). Consultado o 17-11-2026.
- ↑ "La UE entregará armas a Ucrania, cierra su espacio aéreo, veta a Russia Today y Sputnik y castiga a Bielorrusia". El Mundo (en castelán). 27-2-2022. Consultado o 17-11-2026.
- ↑ Vicente Romano. La intoxicación lingüística (en castelán). p. 54.
- ↑ Julián Cotés Cavanillas (1-12-1966). "La técnica de propaganda política". ABC (en castelán). Consultado o 17-11-2026.
- ↑ Jean-Léon Beauvois (1994). Traité de la servitude libérale. Analyse de la soumission (en francés). Dunod.
- ↑ Éric Hazan (2006). LQR. La propagande du quotidien (en francés). Raisons d'agir.
- ↑ Anne Morelli (2010). Principes élémentaires de propagande de guerre (en francés). Aden.
- ↑ "propaganda". Diccionario de la lengua española, Real Academia Española (en castelán). Consultado o 17-11-2026.
- 1 2 3 4 Jaume Antuñano San Luis (2016). "Hollywood y la configuración de la historia oficial: la Segunda Guerra Mundial según la serie documental Why We Fight". L'Atalante. Revista de estudios cinematográficos (en castelán) (21). ISSN 1885-3730. Consultado o 17-11-2026.
- 1 2 Manuel Palacio Arranz (2002). "Francisco Franco y la televisión". Revista de estudios históricos sobre la imagen (en castelán) (42-43): 72–95. ISSN 0214-6606.
- ↑ "ABC" (en castelán). 11-2-1964. Consultado o 17-11-2026.
- ↑ "Radio Pirenaica; la voz de la esperanza que burló la censura franquista desde Moscú y Bucarest". RTVE (en castelán). 15-2-2009. Consultado o 17-11-2026.
- ↑ "Urdaci lee en el Telediario la condena por manipular la información de la huelga general". Cadena SER (en castelán). 16-10-2003. Consultado o 17-11-2026.
- ↑ "Las acusaciones de manipulación en TVE llegan al 'Financial Times'". El Mundo (en castelán). 27-4-2015. Consultado o 17-11-2026.
- ↑ "Documanía investiga la influencia del Pentágono en el cine norteamericano". Mundoplus.tv (en castelán). Consultado o 17-11-2026.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]| Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Propaganda |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- A propaganda de guerra: globalización e poder na Sociedade da Información Arquivado 06 de xaneiro de 2009 en Wayback Machine..