Saltar ao contido

National Basketball Association

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Competición deportivaNational Basketball Association
Editar o valor en Wikidata
Imaxe
Tipobasketball association (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Deportebaloncesto Editar o valor en Wikidata
Liga inferiorNBA G League e Orlando Summer League (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Número de participantes30 Editar o valor en Wikidata
Localización  e  Datas
PaísCanadá e Estados Unidos Editar o valor en Wikidata
Vixencia1946 –
1946 – Editar o valor en Wikidata
Calendario da tempadaoutubro – abril Editar o valor en Wikidata
Período de ocorrencia1 ano Editar o valor en Wikidata
Outro
Cancelo#NBA Editar o valor en Wikidata
Páxina web oficialnba.com Editar o valor en Wikidata
Facebook: nba Twitter: NBA Instagram: nba Youtube: UCWJ2lWNubArHWmf3FIHbfcQ TikTok: nba Twitch: nba Musicbrainz: 4fdefe75-1086-42ee-8c61-8748a16fdb5c Editar o valor en Wikidata

A National Basketball Association (NBA) é a principal liga profesional de baloncesto de América do Norte, estando considerada maioritariamente como a mellor competición deste deporte no mundo. Formada por trinta franquías, vinte e nove delas situadas nos Estados Unidos e unha no Canadá, a NBA é membro da USA Basketball (Federación de Baloncesto dos Estados Unidos), a cal está considerada pola Federación Internacional de Baloncesto como o órgano nacional para o baloncesto nos Estados Unidos. A NBA está tamén considerada unha das catro grandes competicións deportivas do América do Norte xunto coa National Football League, a Major League Baseball e a National Hockey League. Os xogadores da NBA son os deportistas mellor pagados do mundo tendo en conta o salario medio por xogador.

A NBA fundouse na cidade de Nova York o 6 de xuño de 1946 como Basketball Association of America (BAA). Adoptou o nome actual en 1949 tras a unión de varios clubs da desaparecida National Basketball League. O partido inaugural foi entre os New York Knicks e os Toronto Huskies un 1 de novembro de 1946 co Maple Leaf Gardens de Toronto como escenario. O partido foi visto por 7.090 espectadores. Na actualidade, a NBA está formada por 30 equipos, divididos en dúas conferencias, Oeste e Leste, e seis divisións, Atlántico, Central e Sueste no Leste; e Noroeste, Pacífico e Suroeste no Oeste.

A orixe da NBA

[editar | editar a fonte]
A sede da NBA está na Olympic Tower de Nova York.

A Basketball Association of America foi fundada en 1946 polos propietarios dos principais pavillóns de hóckey sobre xeo do Nordeste e Medio Oeste dos Estados Unidos e do Canadá. O 1 de novembro de 1946 os Toronto Huskies recibiron aos New York Knickerbockers no Maple Leaf Gardens de Toronto, Ontario, o cal é considerado pola NBA coma o primeiro partido da historia da competición.[1] A primeira canastra foi conseguida por Ossie Schectman dos Knickerbockers. Malia que xa houbera intentos de crear ligas de baloncesto profesionais, incluíndo a American Basketball League e a NBL, a BAA foi a primeira liga en intentar que os partidos se xogasen preferentemente en grandes pavillóns das principais cidades. Durante os primeiros anos, a calidade do xogo na BAA non era mellor que o das outras ligas ou o de clubs independentes como os Harlem Globetrotters. Por exemplo, os Baltimore Bullets finalistas da ABL de 1948, mudáronse á BAA e gañaron o título de 1948. Tamén os Minneapolis Lakers, campións da NBL en 1948, gañaron o título da BAA en 1949. Con todo, antes da temporada 1948−49, os equipos da NBL de Fort Wayne, Indianapolis, Minneapolis e Rochester mudáronse á BAA, establecendo esta competición como a preferida polos universitarios para converterse en profesionais.

Tras a fin da temporada 1948−49 uníronse á BAA o resto dos equipos da NBL: Syracuse, Anderson, Tri-Cities, Sheboygan, Denver e Waterloo. Así, o 3 de agosto de 1949 a BAA acordou fusiónase coa NBL. Para evitar problemas legais, aínda que se mantiña o corpo directivo da BAA, o nome da liga foi mudado nacendo a National Basketball Association.[2] A nova liga tiña dezasete franquías situadas nunha mestura de cidades grandes e pequenas,[2] así como grandes pavillóns e pequenos ximnasios. Desde 1950 até 1953 a NBA contou con once franquías, descendendo na temporada 1953−54 a oito, o que supuxo o menor número de equipos da súa historia. Todas esas franquías aínda se encontran na liga: os New York Knicks, os Boston Celtics, os Golden State Warriors, Los Angeles Lakers, os Royals/Kings, os Detroit Pistons, os Atlanta Hawks e os Nationals/76ers. Este proceso de redución de equipos fixo que as franquías das cidades máis pequena se desprazasen a cidades máis grandes. Os Hawks traladáronse das "Tri-Cities" a Milwaukee en 1951, e despois a St. Louis en 1955; os Royals de Rochester a Cincinnati en 1957; e os Pistons de Fort Wayne a Detroit en 1957.

O nipón-estadounidense Wataru Misaka foi o primeiro xogador non caucásico en xogar na NBA, sucedeu na temporada 1947−48 cando xogaba para os New York Knicks. Misaka foi o único xogador non branco da historia da liga antes da chegada do primeiro afroamericano, Harold Hunter, quen asinou cos Washington Capitols en 1950.[3] Aínda que Hunter foi botado do equipo durante a pretemporada, varios xogadores afroamericanos participarían na competición ese mesmo ano, entre eles Chuck Cooper ós Boston Celtics, Nathaniel "Sweetwater" Clifton ós Knicks, e Earl Lloyd ós Washington Capitols. Durante este período, os Minneapolis Lakers, liderados polo pivote George Mikan, gañaron cinco campionatos da NBA, estabelecéndose como a primeira dinastía da historia da liga.[4] En 1954, para fomentar a anotación e aumentar velocidade do xogo, a liga introduciu o límite de posesión de 24 segundos,[5] é dicir, se un equipo non intenta un lanzamento ou o balón non entra en contacto co aro en 24 segundos de posesión do balón, o xogo párase e o balón pasa ao equipo contrario.

Dominio Celtic e expansión

[editar | editar a fonte]
Bill Russell defendendo a Wilt Chamberlain en 1966.

En 1957, o pivote novato Bill Russell incorpórase aos Boston Celtics, equipo que xa contaba cun dos mellores bases da liga, Bob Cousy, e un dos adestradores máis laureados da historia da NBA, Red Auerbach. Con Russell, este equipo converteríase nunha auténtica lenda, gañando once aneis nas trece tempadas nas que estivo en activo. En 1959 o pivote Wilt Chamberlain chegou aos Warriors e en pouco tempo converteuse nun dos xogadores máis dominantes que endexamais pisara unha cancha de baloncesto, establecendo todo tipo de récords en puntos e rebotes, e chegando, incluso, a anotar 100 puntos ou apañar 55 rebotes nun só partido. A súa rivalidade con Russell é recordada como unha das máis grandes na historia do deporte estadounidense.

Os anos 1960 foron dominados polos Celtics. Liderados por Russell, Bob Cousy e o seu adestrador Auerbach, os de Massachussets gañaron oito campionatos consecutivos, de 1959 a 1966, sendo a xeira máis longa da historia da NBA. Non gañaron o título en 1966−67, mais si o fixeron o seguinte ano, na tempada 1967−68, e repetiron en 1969. Isto supuxo que nos anos 1960 gañaran un total de nove campionatos de dez posibles.[6]

Durante ese período a NBA fortaleceuse co movemento dos Minneapolis Lakers aos Ánxeles, dos Philadelphia Warriors a San Francisco, dos Syracuse Nationals a Filadelfia e dos St. Louis Hawks a Atlanta, ademais da incorporación das primeiras franquías de expansión. Os Chicago Packers (agora Washington Wizards) convertéronse no noveno equipo da NBA en 1961. De 1966 a 1968, a liga pasou de 9 a 14 equipos, coa incorporación dos Chicago Bulls, os Seattle SuperSonics (agora Oklahoma City Thunder), os San Diego Rockets (que se trasladaron a Houston catro anos máis tarde), os Milwaukee Bucks e os Phoenix Suns.

En 1967, a liga afrontou unha nova ameaza externa coa formación da American Basketball Association (ABA). Ambas as ligas entraron nunha guerra de poxa polo talento. A NBA conseguiu a estrela universitaria máis importante daquela era, Kareem Abdul-Jabbar (daquela coñecido como Lew Alcindor). Abdul-Jabbar, xunto a Oscar Robertson, liderou aos Milwaukee Bucks a gañar o título de campión na súa segunda tempada existencia. Posteriormente xogaría nos Lakers pentacampións. Porén, o máximo anotador da NBA, Rick Barry, deu o salto á ABA ó igual que outros catro veteranos árbitros: Norm Drucker, Earl Strom, John Vanak e Joe Gushue.

En 1969, Alan Siegel, quen supervisara un ano antes o deseño do logotipo da Major League Baseball de Jerry Dior, creou o logo da NBA moderna inspirado no da propia MLB. O logo incorpora a silueta do lendario Jerry West baseada nunha foto de Wen Roberts. Con todo, os dirixentes da NBA negan que a silueta sexa dun xogador en particular xa que, segundo Siegel, "Queren institucionalizalo en lugar de individualizalo. Converteuse nun símbolo ubicuo e clásico, un punto focal da súa identidade e do seu programa de licenzas que non necesariamente queren identificar cun só xogador". Desde o debut do icónico logotipo no ano 1971, permanece como símbolo da marca NBA.

Nos anos 1970, a ABA tivo moito éxito ao incorporar a grandes estrelas, entre elas Julius Erving dos Virginia Squires. Isto foi en parte porque permitía aos equipos fichar xogadores antes de rematar o seu período universitario. Por outra banda, durante este período, a NBA expandiuse rapidamente. De 1966 a 1974, incrementouse o número de franquías a dezaoito. En 1970 os Portland Trail Blazers, os Cleveland Cavaliers e os Buffalo Braves (hoxe Los Angeles Clippers), aumentaron o número a 17 franquías.[7] Os New Orleans Jazz (agora Utah Jazz) incorporáronse en 1974 para facer un total de dezaoito. En 1976 ambas ligas chegan a un acordo de fusión, de modo para que catro franquías da ABA se uniron á NBA aumentando o número de equipos a vinte e dous. Estas franquías foron os San Antonio Spurs, os Denver Nuggets, os Indiana Pacers e os New York Nets (posteriormente New Jersey Nets, hoxe Brooklyn Nets). Algunhas das estrelas desta década foron Kareem Abdul-Jabbar, Rick Barry, Dave Cowens, Julius Erving, Elvin Hayes, Walt Frazier, Moses Malone, Artis Gilmore, George Gervin, Dan Issel e Pete Maravich. Porén, o remate da década viu como baixaban as audiencias de televisión e a asistencia aos pavillóns, que xunto aos problemas de drogas dalgúns xogadores, puxeron en perigo a liga.

Gañando popularidade

[editar | editar a fonte]
Jordan facendo un mate.

A liga engadiu a innovadora liña de tres puntos da ABA a comezos de 1979 para abrir o xogo. O mesmo ano entran na liga os rookies Magic Johnson e Larry Bird, para xogaren nos Lakers e Celtics respectivamente, dando comezo a un período no que o interese pola competición e o número de seareiros medrou tanto no país como no mundo enteiro. En 1984, xogaron un contra outro por primeira vez nas Finais da NBA. Johnson liderou aos Lakers para gañar cinco títulos, e Bird liderou aos Celtics para conseguir tres. Ademais a comezos dos anos 1980, a NBA engadiu outra franquía máis de expansión, os Dallas Mavericks, aumentando o número a 23 equipos. Máis tarde, Larry Bird gañou o seu primeiro concurso de triplas. O ex-comisionado da liga David Stern, que permaneceu no desde o 1 de abril de 1984 até o 1 de febreiro de 2014, supervisou a expansión e o crecemento da até ser un produto global.

Michael Jordan chegou á liga en 1984 cos Chicago Bulls, converténdose nunha estrela aínda máis popular para aumentar o interese na liga. Isto tivo coma resultado o aumento da demanda de máis equipos por parte das cidades. En 1988 e 1989, catro destas cidades conseguiron os seus desexos, os Charlotte Hornets, os Miami Heat, os Orlando Magic e os Minnesota Timberwolves fixeron o seu debut na NBA, a cal contaba xa con 27 equipos. No primeiro ano da década de 1990, os Detroit Pistons gañaron o segundo dos seus dous títulos consecutivos, liderados por Chuck Daly e Isiah Thomas. Jordan e