Celulase
| Celulase | |||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| Un encima celulase producido por Thermomonospora fusca, cunha celotriosa unida na fenda pouco profunda do dominio catalítico. | |||||||||
| Identificadores | |||||||||
| Número EC | 3.2.1.4 | ||||||||
| Número CAS | 9012-54-8 | ||||||||
| Bases de datos | |||||||||
| IntEnz | vista de IntEnz | ||||||||
| BRENDA | entrada de BRENDA | ||||||||
| ExPASy | vista de NiceZyme | ||||||||
| KEGG | entrada de KEGG | ||||||||
| MetaCyc | vía metabólica | ||||||||
| PRIAM | perfil | ||||||||
| Estruturas PDB | RCSB PDB PDBe PDBj PDBsum | ||||||||
| Gene Ontology | AmiGO / EGO | ||||||||
| |||||||||

A celulase (EC 3.2.1.4; nome sistemático 4-β-D-glucano 4-glucanohidrolase) é o nome que se lle dá a un conxunto de encimas producidos principalmente por fungos, bacterias e protozoos que catalizan a celulolise, a descomposición da celulosa e dalgúns outros polisacáridos relacionados:
- Endohidrólise de enlaces glicosídicos (1→4)-β-D na celulosa, liquenina e o β-D-glucano cereal
O nome tamén se usa para designar calquera mestura ou complexo que apareza na natureza de varios destes encimas, que actúan en serie ou sinerxicamente para descompoñer material celulósico.
As celulases degradan a molécula de celulosa dando monosacáridos ("azucres simples") como a β-glicosa, ou polisacáridos máis curtos e oligosacáridos. A degradación da celulosa ten considerable importancia económica, porque é un constituínte principal das plantas dispoñible para o consumo e uso en reaccións químicas. A reacción específica implicada é a hidrólise de enlaces glicosídicos 1,4-β-D na celulosa, hemicelulosa, liquenina, e o β-D-glucanos cereais. Como as moléculas de celulosa están fortemente unidas entre si, a celulolise é relativamente difícil de realizar comparada coa degradación doutros polisacáridos como o amidón.[2]
A maioría dos mamíferos teñen só unha capacidade limitada de dixerir fibras como a celulosa por si mesmos. En moitos animais herbívoros como os ruminantes, como vacas e ovellas, e fermentadores no intestino posterior, como os cabalos, as celulases prodúcenas bacterias simbióticas. As celulases endóxenas só as producen uns poucos tipos de animais, como térmites, caracois,[3][4][5] e miñocas de terra.
Atopáronse tamén celulases en microalgas verdes (Chlamydomonas reinhardtii, Gonium pectorale e Volvox carteri) e os seus dominios catalíticos (CD) pertencentes á familia GH9 mostran a maior homoloxía de secuencias coas celulases endóxenas de metazoos. As celulases de algas son modulares, constan de supostos novos módulos de unión a carbohidratos (CBMs) ricos en cisteína, tramos enlazadores ricos en prolina/serina (PS) ademais de dominios supostos similares a Ig e outros descoñecidos nalgúns membros. A celulase de Gonium pectorale consiste en dous CDs separados por tramos enlazadores cun CBM C-terminal.[6]
Coñécense varios tipos de celulases, que se diferencian na súa estrutura e mecanismo. Encimas sinónimos e derivados e encimas específicos asociados co nome "celulase" son endo-1,4-β-D-glucanase (β-1,4-glucanase, β-1,4-endoglucano hidrolase, endoglucanase D, 1,4-(1,3;1,4)-β-D-glucano 4-glucanohidrolase), carboximetil celulase (CMCase), avicelase, celudextrinase, celulase A, celulosina AP, álcali celulase, celulase A 3, 9.5 celulase, celoxilanase e pancelase SS. Aos encimas que clivan a lignina ténselles chamado ás veces celulases, mais este vello uso está obsoleto; son encimas modificadores da lignina.
Tipos de acción
[editar | editar a fonte]Hai cinco tipos xerais de celulases baseándonos no tipo de reacción catalizada:
- Endocelulases (EC 3.2.1.4), que clivan aleatoriamente enlaces internos en siitos amorfos que crean novos extremos de cadea.
- Exocelulases ou celobiohidrolases (EC 3.2.1.91), que clivan de dúas a catro unidades dos extremos das cadeas expostas orixinadas polas endocelulases, resultando en tetrasacáridos[7] ou disacáridos, como a celobiosa. As exocelulases poden subclasificarse en: tipo I, que funcionan procesivamente desde o extremo redutor da cadea de celulosa, e tipo II, que funcionan procesivamente desde o extremo non reductor.
- Celobiases (EC 3.2.1.21) ou β-glucosidases, que hidrolizan o produto exocelulase en monosacáridos individuais.
- Celulases oxidativas, que despolimerizan a celulosa por reaccións de radicais, como por exemplo a celobiosa deshidroxenase (aceptora).
- Celulosa fosforilases, que despolimerizan celulosa usando fosfatos en vez de auga.
Nos tipos mencionados aquí hai tamén tipos progresivos (tamén chamados procesivos) e non progresivos. As celulases progresivas interacciónan de xeito continuo cunha soa febra de polisacáridos, mentres que as celulases non progresivas interaccionan unha vez e despois sóltanse e únense a outra febra de polisacárido.
A acción da celulase considérase sinérxica, xa que as tres clases de celulases poden render moitos máis azucres que a adición dos tres tipos por separado. Ademais dos ruminantes, a maioría dos animais (incluíndo os humanos) tampouco producen celulase nos seus corpos e só poden degradar parcialmente a celulosa por fermentación, limitando a súa capacidade de usar a enerxía do material das plantas fibrosas.
Estrutura
[editar | editar a fonte]A maioría das celulases fúnxicas teñen unha estrutura de dous dominios, cun dominio catalítico e outro dominio de unión, que están conectados por un tramo de enlace flexible. Esta estrutura está adaptada para traballar sobre un substrato insoluble, e permite que o encima difunda bidimensionalmente sobre unha superficie de xeito similar a unha eiruga. Porén, hai tamén celulases (maiormente endoglucanases) que carecen de dominios de unión á celulosa.
Ambos os tipos de unión aos substratos e catálise dependen da estrutura tridimensional do encima que se orixina como consecuencia do nivel de pregamento da proteína. A secuencia de aminoácidos e a colocación dos seus residuos que se produce no sitio activo, a posición onde se une o substrato, poden influír en factores como a afinidade de unión de ligandos, a estabilización de substratos no sitio activo e a catálise. A estrutura do substrato é complementaria da estrutura precisa do sitio activo do encima. Cambios na posición dos residuos pode resultar en distorsións dunha ou máis destas interaccións.[8] Factores adicionais como temperatura, pH e ións metálicos inflúen nas interaccións non covalentes entre a estrutura do encima.[9] A especie bacteriana Thermotoga maritima produce celulases que constan de dúas follas β (estruturas da proteína) que rodean unha rexión catalítica central que é o sitio activo.[10] O encima clasifícase como endoglucanase, que cliva internamente enlaces β-1,4-glicosídicos en cadeas de celulosa facilitando unha maior degradación do polímero. Diferentes especies da mesma familia de T. maritima producen celulases con diferentes estruturas.[10] As celulases producidas pola especie fúnxica Coprinopsis cinerea constan de sete febras proteicas que forman un tunel pechado chamdao barril β/α.[11] Estes encimas hidrolizan o substrato carboximetil celulosa. A unión do substrato no sitio activo induce un cambio na conformación que permite a degradación da molécula.
Complexos celulase
[editar | editar a fonte]En moitas bacterias, as celulases in vivo son estruturas encimáticas complexas organizadas en complexos supramoleculares, os celulosomas. Estes poden conter, ente outras posibilidades, cinco subunidades encimáticas diferentes que representan concretamente endocelulases, exocelulases, celobiases, celulases oxidativas e celulosa fosforilases, das cales só as exocelulases e celobiases participan na hidrólise real do enlace β(1→4). O número de subunidades que constitúen os celulosomas pode tamén determinar a velocidade da actividade encimática.[12]
As celulases multidominio están moi distribuídas entre moitos grupos taxonómicos; porén, as celulases de bacterias anaerobias, atopados en celulosomas, teñen a arquitectura máis complexa que consta de varios tipos distintos de módulos. Por exemplo, Clostridium cellulolyticum produces celulases modulares 13 GH9 que conteñen un número e arranxo diferentes do dominio catalítico (CD), o módulo de unión a carbohidrato (CBM), a dockerina, o tramo enlazador e o dominio similar a Ig.[13]
O complexo celulase de Trichoderma reesei, por exemplo, comprende un compoñente etiquetado como C1 (57.000 daltons) que separa as cadeas da celulosa cristalina, unha endoglucanase (duns 52.000 daltons), unha exoglucanase (duns 61.000 daltons), e unha β-glucosidase (de 76.000 daltons).[14]
Identificáronse numerosas secuencias "sinatura" coñecidas como dockerinas e cohesinas nos xenomas de bacterias que producen celulosomas. Dependendo da súa secuencia de aminoácidos e estrutura terciaria, as celulases divídense en clans e familias.[15]
As celulases multimodulares son máis eficientes que os encimas libres (con só CD) debido á sinerxia por causa da estreita proximidade ente o encima e o substrato celulósico. O CBM está implicado na unión da celulosa, mentres que os tramos enlazadores glicosilados proporcionan flexibilidade ao CD para unha maior actividade e protección contra proteases, así como un aumento da unión á superficie da celulosa.[6]
Mecanismo da celulolise
[editar | editar a fonte]
1. Rotura das interaccións non covalentes presentes na estrutura amorfa da celulosa (endocelulase).
2. Hidrólise dos extremos das cadeas para romper o polímero en azuces máis pequenos (exocelulase).
3. Hidrólise de disacáridos e tetrasacáridos dando glicosa (beta-glucosidase).

Usos
[editar | editar a fonte]A celulase úsase para o procesamento comercial de alimentos no café. Realiza a hidrólise da celulosa durante o secado dos grans de café. Ademais, as celulases son moi usadas na industria téxtil e en deterxentes para a roupa. Tamén se usaron na industria papeleira e da polpa de papel con varios propostos, e mesmo se teñen usado en aplicacións farmacéuticas. A clulase utilízase na fermentación de biomasa para dar biocombustibles, aínda que este proceso é relativamene experimental actualmente.
Papel e polpa de papel
[editar | editar a fonte]As celulases teñen unha ampla variedade de aplicacións na industria papeleira e da polpa de papel. Nos procesos de produción e reciclaxe as celulases poden aplicase para mellorar o descascado, formación de polpa, aclaramento, drenaxe ou destintado.[17]
O uso da celulase pode tamén mellorar a calidade do papel. As celulases afectan a morfoloxía da fibra, que pode causar a mellora dos enaces entre fibras, resultando un incremento de cohesión das fibras.[18] Efectos adicionais no papel poden ser o incremento da forza tensional, maior volume, porosidade e brandura do tecido.
Farmacéutica
[editar | editar a fonte]A celulase úsase en medicina como tratamento para o fitobezoar, unha forma de bezoar de celulosa atopado no estómago humano, e mostrou eficacia na degradación bacteriana de biopelículas polimicrobianas hidrolizando os enlaces glicosídicos β(1-4) dentro da matriz estrutural de exopolisacáridos da substancia polimérica extracelular.[19][20]
Téxtiles
[editar | editar a fonte]Entre os varios usos das celulases na industria téxtil están o envellecemento de pantalóns jeans, pulir fibras téxtiles, o amolentamento de roupas, a eliminación do exceso de tintura ou a restauración do brillo das cores.
Agricultura
[editar | editar a fonte]As celulases poden usarse no sector agrícola para o control de patóxenos das plantas e de enfermidades. Tamén se aplican á mellora da xerminación de sementes e do sistema radicular e poden mellorar a calidade do solo para reducir a dependencia de fertilizantes minerais.[18]
Medida
[editar | editar a fonte]Como substrato nativo, a celulosa é un poímero insoluble en auga, de modo que os ensaios tradicionais de redución de azuces non se poden empregar con este substrato para medir a actividade de celulase. Os científicos analíticos desenvolveron varios métodos alternativos.
Método DNSA
[editar | editar a fonte]A actividade de celulase determinábase incubando 0,5 mL de sobrenadante con 0,5 mL de carboximetilcelulosa (CMC) ao 1 % en tampón citrato 0,05M (pH 4,8) a 50 °C por 30 minutos. A reacción terminábase coa adición de 3 mL do reactivo ácido dinitrosalicíclico. A absorbancia líase a 540 nm.[21]
Viscometría
[editar | editar a fonte]Pode usarse un viscómetro para medir a diminución da viscosidade dunha solución que contiña unha celulosa hidrosoluble derivada como a carboximetil celulosa despois da incubación cunha mostra de celulase.[22] A diminución da viscosidade é directamente proporcional á actividade de celulase. Mentres que eses ensaios son moi sensibles e específicos para as endocelulases (encimas que actúan como exocelulases producen pouco ou ningún cambio de viscosidade), están limitados porque é difícil definir a actividade en unidades encimáticas convencionais (micromoles de substrato hidrolizados ou produto producido por minuto).
Substratos celooligosacáridos
[editar | editar a fonte]Os celooligosacáridos DP inferiores (DP2-6) son suficienemente solubles en auga para actuar como substratos viables para os encimas celulases.[23] Porén, como eses substratos son eles mesmos "azucres redutores", non son axeitados para o uso nos ensaios tradicionais de azucres redutores porque xeran un alto valor de "en branco" (blank). Porén, a súa hidrólise mediada pola celulase pode ser monitorizada por HPLC ou métodos de cromatografía iónica para obter información valiosa sobre os requirimentos de substrato dunha celulase determinada.
Substratos celooligosacáridos reducidos
[editar | editar a fonte]Os celooligosacáridos poden ser reducidos quimicamente pola acción do borohidruro de sodio para producir os seus correspondentes azucres alcohois. Estes compostos non raccionan en ensaios de azucres redutores, pero os seus produtos de hidrólise si. Isto fai que os celooligosacáridos reducidos por borohidruro sexan substratos valiosos para o ensaio da celulase usando ensaios de azucre redutor tradicionais como o método de Nelson-Symogyi.[24][25]
Substratos polisacáridos tinguidos
[editar | editar a fonte]Estes substratos poden subdiviirse en dúas clases:[26]
- Substratos cromoxénicos insolubles: un substrato da celulase insoluble como a AZCL-HE-celulosa absorbe auga para crear partículas xelatinosas cando se pon en solución. Este substrato é despolimerizado gradualmente e solubilizado pola acción da celulase. A reacción termínase adicionando unha solución alcalina para deter a actividade encimática e a reacción en solución espesa é filtrada ou centrigugada. Mídese a cor no filtrado ou sobrenadante e pode relacionarse coa actividade encimática.
- Substratos cromoxénicos solubles: incúbase unha mostra de celulase cun substrato hidrosoluble como a azo-CM-celulosa, a reacción termínase e os fragmentos de alto peso molecular parcialmente hidrolizados son precipitados da solución cun solvente orgánico como o etanol ou o metoxietanol. A suspensión mestúrase ben, centrifúgase e mídese a cor da solución sobrenadante (debida a pequenos fragmentos tinguidos solubles). Coa axuda dunha curva estándar, pode determinarse a actividade do encima.
Reactivos acoplados a encimas
[editar | editar a fonte]
Desenvolvéronse novos reactivos que permiten a medida específica da endocelulase.[27][28] Estes métodos implican o uso de substratos oligosacáridos funcionalizados en presenza dun encima auxiliar. No exemplo mostrado, un encima celulase pode recoñecer o fragmento trisacárido da celulosa e clivar esta unidade. O encima auxiliar presente na mestura do reactivo (β-glucosidase) actúa despois hidrolizando o fragmento que contén o cromóforo e o fluoróforo. O ensaio termínase pola adición dunha solución básica que detén a reacción encimática e desprotona o composto fenólico liberado para producir a especie fenolato. A actividade de celulase dunha mostra dada é directamente proporcional á cantidade de fenolato liberado que pode medirse usando un espectrofotómetro. A funcionalización acetal do extremo non redutor do substrato trisacárido impide a acción da β-glucosidase auxiliar sobre o substrato parental.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ PDB 1NLR; Sulzenbacher G, Shareck F, Morosoli R, Dupont C, Davies GJ (decembro de 1997). "The Streptomyces lividans family 12 endoglucanase: construction of the catalytic core, expression, and X-ray structure at 1.75 Å resolution". Biochemistry 36 (51): 16032–9. PMID 9440876. doi:10.1021/bi972407v.; obtida con PyMOL
- ↑ "Cellulose" (en inglés). doi:10.1036/1097-8542.118200. Consultado o 2025-02-24.
- ↑ Bignell DE, Roisin Y, Lo N (2011). Biology of termites: a modern synthesis. Dordrecht: Springer. ISBN 978-90-481-3976-7.
- ↑ Watanabe H, Noda H, Tokuda G, Lo N (xullo de 1998). "A cellulase gene of termite origin". Nature 394 (6691): 330–1. Bibcode:1998Natur.394..330W. PMID 9690469. doi:10.1038/28527.
- ↑ Watanabe H, Tokuda G (agosto de 2001). "Animal cellulases". Cellular and Molecular Life Sciences 58 (9): 1167–78. PMC 11337393. PMID 11577976. doi:10.1007/PL00000931.
- 1 2 Guerriero, Gea; Sergeant, Kjell; Legay, Sylvain; Hausman, Jean-Francois; Cauchie, Henry-Michel; Ahmad, Irshad; Siddiqui, Khawar (2018-06-15). "Novel Insights from Comparative In Silico Analysis of Green Microalgal Cellulases". International Journal of Molecular Sciences (en inglés) 19 (6): 1782. ISSN 1422-0067. PMC 6032398. PMID 29914107. doi:10.3390/ijms19061782.
- ↑ Zverlov VV, Schantz N, Schwarz WH (agosto de 2005). "A major new component in the cellulosome of Clostridium thermocellum is a processive endo-β-1,4-glucanase producing cellotetraose". FEMS Microbiology Letters 249 (2): 353–8. PMID 16006068. doi:10.1016/j.femsle.2005.06.037.
- ↑ Payne CM, Bomble YJ, Taylor CB, McCabe C, Himmel ME, Crowley MF, Beckham GT (novembro de 2011). "Multiple functions of aromatic-carbohydrate interactions in a processive cellulase examined with molecular simulation". The Journal of Biological Chemistry 286 (47): 41028–35. PMC 3220501. PMID 21965672. doi:10.1074/jbc.M111.297713.
- ↑ Lee YJ, Kim BK, Lee BH, Jo KI, Lee NK, Chung CH, et al. (xaneiro de 2008). "Purification and characterization of cellulase produced by Bacillus amyoliquefaciens DL-3 utilizing rice hull". Bioresource Technology 99 (2): 378–86. Bibcode:2008BiTec..99..378L. PMID 17320379. doi:10.1016/j.biortech.2006.12.013.
- 1 2 Cheng YS, Ko TP, Wu TH, Ma Y, Huang CH, Lai HL, et al. (abril de 2011). "Crystal structure and substrate-binding mode of cellulase 12A from Thermotoga maritima'". Proteins 79 (4): 1193–204. PMID 21268113. doi:10.1002/prot.22953.
- ↑ Liu Y, Yoshida M, Kurakata Y, Miyazaki T, Igarashi K, Samejima M, et al. (marzo de 2010). "Crystal structure of a glycoside hydrolase family 6 enzyme, CcCel6C, a cellulase constitutively produced by Coprinopsis cinerea". The FEBS Journal 277 (6): 1532–42. PMID 20148970. doi:10.1111/j.1742-4658.2010.07582.x.
- ↑ Tsai SL, DaSilva NA, Chen W (xaneiro de 2013). "Functional display of complex cellulosomes on the yeast surface via adaptive assembly". ACS Synthetic Biology 2 (1): 14–21. PMID 23656322. doi:10.1021/sb300047u.
- ↑ Ravachol J, Borne R, Tardif C, de Philip P, Fierobe HP (marzo de 2014). "Characterization of all family-9 glycoside hydrolases synthesized by the cellulosome-producing bacterium Clostridium cellulolyticum". The Journal of Biological Chemistry 289 (11): 7335–48. PMC 3953250. PMID 24451379. doi:10.1074/jbc.M113.545046.
- ↑ Worthington Biochemical Corporation (2014), Cellulase. Consultado o 2014-07-03
- ↑ Bayer EA, Chanzy H, Lamed R, Shoham Y (outubro de 1998). "Cellulose, cellulases and cellulosomes". Current Opinion in Structural Biology 8 (5): 548–57. PMID 9818257. doi:10.1016/S0959-440X(98)80143-7.
- ↑ Bhaumik, Prasenjit; Dhepe, Paresh Laxmikant (2015-01-01). "Chapter 1. Conversion of Biomass into Sugars". Biomass Sugars for Non-Fuel Applications. Green Chemistry Series (en inglés). Royal Society of Chemistry. pp. 1–53. ISBN 978-1-78262-113-3. doi:10.1039/9781782622079-00001.
- ↑ Singh, S; Singh, V; Aamir, M; Dubey, M; Patel, J; Upadhyay, R; Gupta, V (2 de agosto de 2016). "Chapter 13: Cellulase in pulp and paper industry". New and Future Developments in Microbial Biotechnology and Bioengineering: Microbial Cellulase System Properties and Applications. doi:10.1016/B978-0-444-63507-5.00013-7.
- 1 2 Kuhad, R.C.; Gupta, R.; Singh, A. (2011). "Microbial Cellulases and Their Industrial Applications". Enzyme Research 10: 6065–6072. PMC 3168787. PMID 21912738. doi:10.4061/2011/280696.
- ↑ Fleming D, Rumbaugh KP (abril de 2017). "Approaches to Dispersing Medical Biofilms". Microorganisms 5 (2): 15. Bibcode:2017Miorg...5...15F. PMC 5488086. PMID 28368320. doi:10.3390/microorganisms5020015.
- ↑ Fleming D, Chahin L, Rumbaugh K (febreiro de 2017). "Glycoside Hydrolases Degrade Polymicrobial Bacterial Biofilms in Wounds". Antimicrobial Agents and Chemotherapy 61 (2): AAC.01998–16. PMC 5278739. PMID 27872074. doi:10.1128/AAC.01998-16.
- ↑ Jasani H, Umretiya N, Dharajiya D, Kapuria M, Shah S, Patel J (xuño de 2016). "Isolation, optimization and production of cellulase by Aspergillus niger from agricultural waste.". Journal of Pure and Applied Microbiology 10 (2): 1159–66. doi:10.22207/JPAM.10.2.36.
- ↑ Umezurike GM (xaneiro de 1979). "The cellulolytic enzymes of Botryodiplodia theobromae Pat. Separation and characterization of cellulases and β-glucosidases". The Biochemical Journal 177 (1): 9–19. PMC 1186335. PMID 106849. doi:10.1042/bj1770009.
- ↑ Telke AA, Zhuang N, Ghatge SS, Lee SH, Ali Shah A, Khan H, et al. (2013). "Engineering of family-5 glycoside hydrolase (Cel5A) from an uncultured bacterium for efficient hydrolysis of cellulosic substrates". PLOS ONE 8 (6 (número de artigo: e65727)). Bibcode:2013PLoSO...865727T. PMC 3681849. PMID 23785445. doi:10.1371/journal.pone.0065727.
- ↑ Nelson N (1944). "A photometric adaptation of the Somogyi method for the determination of glucose". J. Biol. Chem. 153 (2): 375–80. doi:10.1016/S0021-9258(18)71980-7.
- ↑ Smogyi M (marzo de 1952). "Notes on sugar determination". The Journal of Biological Chemistry 195 (1): 19–23. PMID 14938350. doi:10.1016/S0021-9258(19)50870-5.
- ↑ McCleary BV (novembro de 1980). "New chromogenic substrates for the assay of alpha-amylase and (1 leads to 4)-β-D-glucanase". Carbohydrate Research 86 (1): 97–104. PMID 6159974. doi:10.1016/s0008-6215(00)84584-x.
- ↑ McCleary BV, Mangan D, Daly R, Fort S, Ivory R, McCormack N (febreiro de 2014). "Novel substrates for the measurement of endo-1,4-β-glucanase (endo-cellulase)". Carbohydrate Research 385: 9–17. PMID 24398300. doi:10.1016/j.carres.2013.12.001.
- ↑ Mangan D, McCleary BV, Liadova A, Ivory R, McCormack N (agosto de 2014). "Quantitative fluorometric assay for the measurement of endo-1,4-β-glucanase". Carbohydrate Research 395: 47–51. PMID 25038461. doi:10.1016/j.carres.2014.05.002.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Unidade celulase, unha unidade para cuantificar a actividade das celulases
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Chapin FS, Matson PA, Mooney HA (2002). Principles of terrestrial ecosystem ecology (PDF). Nova York: Springer. ISBN 978-0-387-95439-4. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 2016-03-05. Consultado o 2014-07-04.
- The Merck Manual of Diagnosis and Therapy, Chapter 24
- Deka D, Bhargavi P, Sharma A, Goyal D, Jawed M, Goyal A (2011). "Enhancement of Cellulase Activity from a New Strain of Bacillus subtilis by Medium Optimization and Analysis with Various Cellulosic Substrates". Enzyme Research. 2011 (número de artigo: 151656). PMC 3102325. PMID 21637325. doi:10.4061/2011/151656.
- Zafar M, Ahmed S, Khan MI, Jamil A (maio de 2014). "Recombinant expression and characterization of a novel endoglucanase from Bacillus subtilis in Escherichia coli". Molecular Biology Reports 41 (5): 3295–302. PMID 24493451. doi:10.1007/s11033-014-3192-8.