A súa orixe data dos tempos das invasións anglosaxoas cara ao ano 700 cando un xefe tribal, o saxón Beorma, asentou a súa xente preto do río Rea (Beorma inga ham, fogar ou aldea do pobo de Beorma).
Mais o verdadeiro nacemento de Birmingham data do 1154, cando o señor feudal do lugar conseguiu a concesión dun mercado xunto o seu soar, nun cruzamento de camiños ao carón dunha capela e futura igrexa de San Martiño, preto do vao do río. Dito mercado, coñecido aos poucos coma o Bull Ring, foi o berce e aínda hoxe, o corazón sentimental da cidade.
De todas as maneiras, Birmingham mantívose coma un centro secundario ata a metade do século dezaoito, cando a coincidencia na súa área dunha serie de persoas excepcionais xunto a factores xeolóxicos (a antedita riqueza mineira no Black Country) deron nacemento a Revolución Industrial. Entre aqueles merecen destacarse James Watt e Matthew Boulton, William Murdoch e Joseph Priestly, enxeñeiros, físicos, industriais e filósofos que coas súas invencións, desenvolvementos mecánicos e nova visión deron pulo a unha nova época. Reuníanse nunha curiosa tertulia que bautizaron coma Sociedade Lunar.
A partir de 1750 a poboación triplicouse ata 1800 e case decuplicouse no século XIX (24.000,74.000,600.000h respect.). As industrias, sobre todo metalúrxicas, empregaban a toda esa masa traballadora e a cidade recibiu alcumes coma "o taller do mundo" ou "a cidade dos mil negocios".